6 de agosto de 2024
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá os traballos e celebrou que “moi pronto a rúa recuperará a súa configuración orixinal de bulevar”
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá o inicio da segunda fase da reurbanización de San Andrés e Sol. O Concello investiu nesta actuación 3,2 millóns de euros coa finalidade de humanizar e adaptar unha das principais arterias da cidade e reforzar o seu carácter comercial. A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz e polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Fran Diaz.
"Moi pronto San Andrés recuperará a súa configuración orixinal como bulevar, gañando espazo para a cidadanía, máis visibilidade para os comercios e melloras para as persoas", sinalou a alcaldesa, que celebrou o bo ritmo dos traballos. Do xa executado durante a primeira fase, completáronse a pavimentación e as instalacións de servizos como pluviais, iluminación ou telecomunicacións no treito entre Torreiro e Pórtico de San Andrés, ademais do conxunto da rúa Sol. No treito entre Pórtico de San Andrés e Santa Catalina a instalación de servizos está executada nun 70% e xa comezou a pavimentación.
Nesta segunda fase executaranse as obras de canalización e pavimentación no treito final da rúa, entre Santa Catalina e a praza de Pontevedra. Por iso, esta mañá cortouse ao tráfico rodado o acceso a San Andrés desde a praza de Pontevedra e Juana de Vega, desde onde só poderán circular os autobuses en dirección ao intercambiador da praza. A zona de carga e descarga existente en San Andrés, fronte á praza de Santa Catalina, suprímese tamén e créase unha provisional na rúa de Santa Catalina durante toda esta fase.
Ademais do corte de tráfico, nesta segunda fase haberá cambios nas liñas de transporte público 3 e 7, en dirección a Durmideiras e avenida de Hércules, respectivamente. Ata o de agora, estas liñas circulaban por San Andrés ata Santa Catalina. A partir de hoxe, ambas circularán desde Rubine en dirección a Juan Flórez, pasando polo Cantón Grande para recuperar o seu percorrido habitual. Haberá dúas novas paradas para as liñas 3 e 7 en Juan Flórez, 16 (nunha nova parada provisional xunto ao hotel Hesperia) e na praza de Mina. A parada das liñas 3 e 7 en dirección de saída da cidade seguirá sendo a número 160, en Juan Flórez, 10.
Os traballos, unha vez completada a canalización e a colocación do novo pavimento, en plataforma única, finalizarán coa plantación de 80 novas árbores e a instalación de novo mobiliario urbano. O arboredo será da variedade de moreira de Valdeorras, que xa estivo nesta rúa no século XVIII. "Continuamos facendo unha cidade máis amable e máis humana con actuacións coma esta, que lle devolverá o esplendor a unha rúa histórica na Coruña", sinalou Inés Rey.
O Concello da Coruña está a levar a cabo unha nova campaña informativa na rúa con totems informativos e buzoneos, nos medios de comunicación e nos autobuses afectados para informar a cidadanía das novidades dos traballos de reurbanización. Pódese atopar toda a información na páxina web: www.coruna.gal/sanandres.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible