26 de septiembre de 2024
“Todas as persoas teñen dereito a acceder ao deporte e a ser tratadas como iguais en todos os aspectos da vida”, sinalou Rey
A alcaldesa, Inés Rey, presentou a proba en María Pita ante as entidades sociais e empresas que colaboran
A alcaldesa, Inés Rey, presentou a edición número 11 da Carreira ENKI, que terá lugar o vindeiro 19 de outubro nas rúas da cidade. A rexedora estivo acompañada por Ángel López e Carmen Touza, presidente e xerente da Fundación ENKI, e da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón.
As inscricións xa están abertas na páxina web de ENKI e hai case 10.000 dorsais vendidos. O obxectivo é repetir o récord de participación do 2023, que foi de 15.000 persoas, o que a converteu na proba deportiva e solidaria máis grande de Galicia e a sexta a nivel nacional. "Todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición, teñen dereito a acceder ao deporte e a ser tratadas como iguais en todos os aspectos da vida", sinalou Inés Rey.
Este ano o lema da proba de deporte e ocio inclusivo é 'A carreira que axuda a cambiar as persoas que axudan a cambiar o mundo'. Durante a presentación, na que estiveron presentes numerosas entidades sociais da cidade e do resto da comunidade, resaltouse o papel que ten esta proba para reforzar os valores de solidariedade, participación cidadá e cohesión social, creando un espazo onde a diversidade se celebra e visibiliza.
"Desde o Concello levamos a cabo diferentes iniciativas sociais e urbanísticas para favorecer o acceso de todas as persoas aos diferentes servizos públicos", apuntou a alcaldesa. A rexedora quixo animar o sector privado coruñés a participar na campaña de visibilización desta proba, que busca identificar as empresas e compañías que participarán na carreira.
De novo, trátase dun circuíto de obstáculos adaptados de 2,5 quilómetros, con probas singulares como a montaña de rodas, o labirinto de cordas ou a bomba de fariña. O programa do vindeiro 19 de outubro completarase con diferentes actividades e premios, entre eles, ao equipo máis numeroso, ao disfrace máis orixinal e ao máis animado.
A recadación total destinarase a adquirir material deportivo adaptado e á posta en marcha de actividades de ocio e deporte para entidades sociais. Por outra banda, os centros educativos que participen entrarán no sorteo dunha xornada de deporte adaptado no centro, un kit de deporte adaptado e tamén poderán conseguir dorsais gratuítos para a vindeira edición do 2025.
20 de noviembre de 2024
19 de octubre de 2024
22 de septiembre de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible