25 de marzo de 2025
A sesión dá continuidade ao do Centro Sociocultural Ágora, marcando o inicio da rolda de encontros que se desenvolverán ate o mes de xuño
O Centro Cívico de Mesoiro acolleu esta tarde o primeiro dos 11 encontros de barrio que o Goberno de Inés Rey pon en marcha no marco do estudo para a definición do novo modelo de autobús urbano. A sesión dá continuidade ao foro xeral celebrado o pasado sábado no Centro Sociocultural Ágora, marcando o inicio dunha rolda de encontros por distritos que se desenvolverán ate o mes de xuño.
A alcaldesa participou no encontro acompañada dos concelleiro Juan Ignacio Borrego e Yoya Neira. "Este proceso é unha oportunidade para escoitar directamente á veciñanza e construír, entre todos e todas, un modelo de transporte público útil, sostible e pensado para mellorar a vida diaria das persoas", destacou a rexedora.
En total, preto dun cento de persoas participaron activamente nunha sesión que combinou a presentación do equipo técnico do estudo do transporte urbano cunha dinámica participativa na que as persoas asistentes puideron achegar propostas sobre frecuencias, liñas, accesibilidade, conexións intermodais ou cobertura territorial.
Peticións e suxerencias
O distrito 9, onde se empraza o barrio de Mesoiro, conta con aproximadamente 12.500 habitantes articúlase en cinco liñas de autobús urbano (21, 23, 23A, 24, UDC) máis o BUH e cun total de 80 paradas. Os principais fluxos de mobilidade diaria prodúcense co distrito 7 (21.460 viaxes/día), co distrito 8 (10.287) e dentro do propio distrito 9 (9.626 viaxes internas).
Durante o encontro, púxose de manifesto o interese polo proceso participativo, xa que un 88% das persoas asistentes declararon acudir a título persoal, fronte a un 7% que representaban entidades asociativas e un 5% institucións públicas.
Ademais, os datos amosan un uso moi frecuente do transporte público urbano, con case un 40% de persoas usuarias diarias e outro 37% que o emprega ocasionalmente. En canto aos aspectos a mellorar, as persoas asistentes manifestaron nun 64% estar pouco ou nada satisfeitas co servizo actual, fronte a un 35% que declararon estar entre "algo" e "bastante" satisfeitas.
A enquisa tamén permitiu identificar cales son os aspectos máis valorados -e tamén os máis criticados- polos usuarios e usuarias do transporte urbano da Coruña. Nunha escala do 0 ao 10, os prezos foron o elemento mellor valorado, cunha media de 6,7 puntos, seguidos da accesibilidade (4,5) e das liñas e paradas (3,3). Pola contra, os aspectos que recibiron unha valoración máis baixa foron a intermodalidade (2,5), a frecuencia dos servizos (2,8) e o estado das marquesiñas (3,2), evidenciando puntos febles relevantes que urxen ser abordados no novo modelo de transporte.
Neste sentido, a cidadanía identificou como ámbitos prioritarios de mellora a frecuencia e tempo de espera dos autobuses, seleccionada por un 91% das persoas participantes, seguida da intermodalidade con outros medios de transporte (56%) e a adaptación de liñas aos barrios e novos puntos de interese (49%). Outros aspectos sinalados foron a accesibilidade (29%), a innovación dixital (21%), a sustentabilidade (16%), a concienciación e impulso ao uso do transporte público (13%) e, en menor medida, os prezos (12%), o que confirma que, malia ser un servizo con marxe de mellora, o custo non se percibe como un dos principais problemas actuais.
Próximos encontros
O encontro forma parte dun calendario de once sesións nos distintos distritos da cidade, co obxectivo de recoller unha ampla representación das voces da Coruña.
As persoas interesadas en participar nalgún ou nalgúns dos once Encontros de Barrio programados ata mediados de xuño xa poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón. Ademais, toda a información sobre o proceso participativo estará dispoñible nesta web específica.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible