4 de abril de 2025
Os autores Fermín Solís, Carlos Azagra, Magius e Encarna Revuelta, que participarán neste Viñetas, tamén estiveron no acto
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou no Salón do Cómic de Barcelona o deseño, obra de Rubén Rial
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou este venres no Salón do Cómic de Barcelona o cartel da edición número 28 do festival internacional da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico. O certame celebrarase do 11 ao 17 de agosto, enmarcado nas celebracións das Festas de María Pita.
O cartel deste ano é obra de Rubén Rial. Por primeira vez o festival deixa o cartel en mans dun autor emerxente aliñándose ademais coa creación galega nun ano especial onde a actividade xirará arredor da figura de Castelao no 75 aniversario do seu pasamento. "Desde o Goberno de Inés Rey quixemos hai un ano dar un novo pulo a este festival tan emblemático para a nosa cidade e continuamos sumando novidades e implicando a todo o sector da ilustración e do cómic, tanto local como nacional e internacional", sinalou Castro. O concelleiro estivo acompañado no acto polo director de Viñetas desde o Atlántico, o autor e editor coruñés Manel Cráneo.
Rial homenaxea no cartel ao propio Castelao interactuando con Krazy Cat, personaxe de Herriman, pioneira do cómic americano e contemporánea de Castelao. Na ilustración súmanse outros personaxes que fan referencia ao segundo eixo temático desta edición, a relación da banda deseñada coa música. A Torre de Hércules é o marco da acción onde unha morea de viñetas se cruzan facendo que os diferentes personaxes converxan nun mesmo mundo.
O acto de presentación do cartel tivo lugar no stand institucional de promoción da Banda Deseñada Galega da Xunta de Galicia. No acto tamén participaron os autores Fermín Solís, Carlos Azagra, Magius e Encarna Revuelta, que son os primeiros nomes confirmados para a edición deste 2025 de Viñetas desde o Atlántico.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible