Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de novembro de 2023

Incrementarase a superficie do parque infantil a 189 metros cuadrados, 64 máis que os habilitados actualmente. Desta forma, a capacidade do recinto pasará de 36 a 46 persoas usuarias

Comezan as obras para ampliar a área de xogos infantís de San Xaime, na Sagrada Familia, que incorporará un carrusel adaptado a cadeiras de rodas

Coa posta en marcha dos traballos, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha solicitude cidadá que recibiu luz verde do Concello nas convocatorias de Orzamentos Participativos

O Concello da Coruña iniciou este luns as obras de ampliación da área de xogos infantís da rúa San Xaime, situada no barrio da Sagrada Familia. A instalación verá incrementada a súa superficie en 64 metros cadrados e pasará dos 125 actuais a un total de 189.

A día de hoxe, o parque infantil, adaptado á rapazada de entre 2 e 12 anos de idade, ten capacidade para 36 persoas usuarias. Coa ampliación, que se executará sobre parte do espazo peonil e a bancada de formigón lindeira á área de xogos, haberá espazo para 46 nenas e nenos.

Cómpre destacar que o Concello xa executou o ano pasado unha primeira fase de ampliación da área infantil de San Xaime ao abeiro do Plan integral de mellora dos parques infantís promovido polo Goberno de Inés Rey. Entón, duplicouse a superficie existente (que pasou de 63 a 125 metros cadrados). E agora, completarase a renovación do recinto dando resposta a unha solicitude da cidadanía que recibiu luz verde do Concello nas convocatorias de Orzamentos Participativos.

O plan de obra contempla o mantemento dos xogos xa existentes, que se conservan na súa posición actual. Desta forma, ademais de ampliarse a superficie correspondente ao firme de caucho, está prevista a instalación de cinco novas estruturas de xogo: dous xogos de equilibrismo estilo hopper, un xogo de rotación de hags e, por último, un balancín inclusivo -con capacidade para tres persoas usuarias- e un carrusel integrador spinmee, adaptado a nenas e nenos en cadeira de rodas.

"Coa disposición destes xogos, seguimos avanzando na remodelación de todos os parques infantís da cidade, facéndoos totalmente accesibles ás nenas e nenos, sexa cal sexa a súa condición", subliñou hoxe a alcaldesa, Inés Rey. No que vai de ano, o Concello xa executou melloras deste tipo nos parques infantís da praza de Pontevedra, praza Casares Quiroga (Elviña), rúa Ribeira Sacra (Novo Mesoiro), parque de Vioño e praza Elíptica (Os Rosales). En todos eles, e ao igual que no parque infantil dos Xardíns de Méndez Núñez xa o ano pasado, creáronse prazas adaptadas nas áreas de xogos.

Ademais, tamén se estima que a ampliación da área de xogos infantís de San Xaime non só lles dará servizo ás familias do barrio, senón que tamén permitirá osixenar as instalacións existentes na praza Padre José Rubinos (Os Mallos) e no parque de Vioño.

Reconfiguración da área de xogos, adaptada tamén como zona de lecer

A intervención en San Xaime tamén inclúe unha serie de melloras orientadas á reconversión do recinto como zona de lecer. No sector leste da área de xogos incorporarase un banco de madeira que se integrará sobre un banco de formigón xa prefabricado.

Ademais, perimetrarase o sector sur do parque infantil cun novo valado de madeira, para acoutar a zona ante a vía lindeira.

O servizo municipal de Infraestruturas estima que os traballos de ampliación na área infantil de San Xaime e a súa contorna se completarán en aproximadamente dous meses.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión