Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de xullo de 2024

Inés Rey: “Estamos ante unha edición moi especial e renovada que ofrecerá máis de 50 espectáculos á cidadanía”

Crystal Fighters, Vetusta Morla e Xoel López encabezan o Festival Noroeste Estrella Galicia, que suma talento galego na praia de Riazor

O festival contará con dúas novas sesións dedicadas ás artes escénicas (Contos do Noroeste) e aos espectáculos para todos os públicos (Noroestiño), con figuras como Xosé A. Touriñán

Volve o Festival Noroeste Estrela Galicia. Será o máis longo da súa historia, xa que contará con máis de 50 actividades desde o luns 5 ata o domingo 11 de agosto. A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o cartel completo deste evento que, sinalou, "é por historia e calidade o mellor festival musical gratuíto do país". A rexedora estivo acompañada po Valentín González, presidente da Deputación da Coruña; Xosé Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia; Antonio Viejo, director corporativo de Hijos de Rivera; Xosé A. Touriñán e Xanma Louro e Xaquín Martínez, de The Rapants.

Como pratos fortes, Crystal Fighters, Vetusta Morla, Xoel López, The Rapants, Fillas de Cassandra e Triángulo de Amor Bizarro actuarán na praia de Riazor; Travis Birds e Martha High na praza de Azcárraga; Martin Kohlstedt no Castelo de Santo Antón e Salif Keïta, Chambao e Lura no parque de Santa Margarida. Completan o cartel BCUC, Caamaño&Ameixeiras, Garufa Blue Devils Big Band, Hormigonera, Ife Ogunjobi, Imägo, Kamikaze Helmets, Lapido, Lemot, Leticia Rey Quintet, Meu, Patax, Repion, Soul Teller, Terrae, Tiburona, Trío da Kali, Virginia Red, Zålomon Grass e Zënzar. Os concertos celebraranse de mércores a sábado no parque de Santa Margarita, Campo da Leña, praza de Azcárraga, Castelo de Santo Antón e a praia de Riazor. Todos os concertos serán de balde.

"Estamos ante unha edición moi especial do Noroeste, que se renova sen perder a súa esencia e ofrece á cidadanía máis de 50 espectáculos", sinalou a alcaldesa, Inés Rey. A rexedora destacou a enorme aposta polas bandas galegas e en galego que se está a facer e que este ano levarán á praia de Riazor a Fillas de Cassandra e The Rapans. "Como xa veñen facendo outros festivais, este ano quixemos ir máis alá da música e estreamos dúas novas seccións que contarán con artistas da talla de Xosé A. Touriñán", apuntou Inés Rey.

Como indicou a alcaldesa este ano, e como principal novidade, de luns a domingo desenvolveranse actividades de artes escénicas, 'Contos ao Noroeste' e 'Noroestiño', para as que se recuperaron espazos emblemáticos da Coruña como a praza de Pontevedra, praza de Vigo, praza do Humor, a praza das Bárbaras ou os Xardíns de Méndez Núñez. 'Contos do Noroeste' serán espectáculos de humor conducidos por Avelino González, Roi da Costa, Bea Campos, Pepo Suevos, Atenea García, Leti da Taberna, Celso Sanmartín, Marita Martínez, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo, Carlos Blanco e Lucía Veiga. O 'Noroestiño', enfocado a público familiar, protagonizarano Vero Rilo, Luis Iglesias, Cé Orquestra, Paco Cerdeira, Paco Nogueiras, Os Monifates, Fran Amil e Magín Blanco. 

A 37ª edición é unha clara aposta por facer accesible o programa a un amplo rango de idades, pero tamén polos valores, polo talento local e tamén polas voces femininas. Fillas de Cassandra, Caamaño&Ameixeiras, Lura, Chambao, Tiburona, Repion, Triángulo de Amor Bizarro, Imägo, Travis Birds, Martha High, Leticia Rey e Trío da Kali son o vivo exemplo diso. 

A nivel internacional, destaca a presenza de BCUC (Sudáfrica), Lura (Cabo Verde), Salif Keïta (Mali), Soul Teller (Reino Unido), Ife Ogunjobi (Reino Unido), Martha High (Estados Unidos) e Trío da Kali (Mali). Poderán escoitarse músicas de estilos tan diferentes como o clásico, indie, garage, flamenco, bluegrass, soul, funk, new wave, bossa nova, e evidentemente, como non podería ser doutra maneira, o pop-rock, a esencia do Festival Noroeste Estrella Galicia.

Por terceiro ano consecutivo, celebrarase o Mercado de Discos do Noroeste, cuxo obxectivo continúa sendo a de establecer un punto de encontro musical na Coruña musical onde se reúnan coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos (vinilos, CD...) con acceso libre para todos os públicos durante os días 11, 12 e 13 de agosto. Estará comandado un ano máis por Nonito Pereira e será precisamente na súa tenda da Rúa Real onde se celebre este encontro, que xa vai pola III edición. O venres de 17:00 a 20:00 horas; sábado e domingo de 11:00 a 20:00 horas.

Documentos:

Programa do Noroeste con horarios e escenarios (9 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión