28 de outubro de 2016
O concelleiro José Manuel Sande salienta a “o xiro institucional no apoio ao sector editorial” que supón este libro, que estará dispoñible desde hoxe nas bibliotecas municipais coruñesas
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no pazo de María Pita o libro 'O noso Samaín', unha coedición entre o Concello da Coruña e a Editorial Galaxia que ten como obxectivo dar a coñecer esta festividade entre o público infantil, unha liña que o Goberno local vén desenvolvendo desde o ano pasado. Así o explicou o edil, quen destacou o traballo do executivo coruñés "por recuperar esta tradición lúdica, festiva e propia", e que desde hoxe "se complementa cun texto necesario para poñer en valor, unha celebración histórica e digna de reivindicación". Neste sentido, o responsable municipal destacou o traballo realizado pola Concellería de Emprego e Economía Social, área que dirixe Alberto Lema, na promoción do Samaín, "e que estes días estaá a ofertar numerosa actividade complementaria na cidade", sinalou Sande.
Na presentación de O noso Samaín, na que tamén estiveron presentes a autora, Loretta Birott, e o responsable editorial, Francisco Castro, o edil sinalou que a obra "representa un xiro en canto ás políticas editoriais do Concello". "Máis aló dos catálogos de exposicións ou textos de autopromoción que se veñen editando con anterioridade, esta colaboración institucional supón unha necesaria aposta pola cultura editorial", expuxo Sande, "e abre unha liña que se ampliará nas próximas semanas con outros traballos". Así, o titular de Culturas destacou que o Goberno local, "no seu compromiso co sector así como para dar a máxima difusión á obra", distribuirá desde hoxe, entre os distintos centros da rede municipal de bibliotecas, 40 exemplares do texto, e doará 25 libros á Asociación Proxecto Quimions "para achegar esta celebración ao público infantil".
Por outra banda, a celebración da festividade do Samaín terá continuidade desde a área de Emprego e Economía Social esta semana, coa celebración dunha Procesión da Santa Compaña, que sairá da Praza de Lugo ás 17.30 horas e rematará cunha festa na praza de María Pita. A esta marcha acudirán, con todos os seus disfraces, os nenos e nenas dos colexios que participaron na campaña de dinamización do comercio de proximidade co gallo desta tradición ao longo do mes de outubro, se ben dita actividade estará aberta a toda a cidadanía.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible