Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xuño de 2024

En marcha as obras para mellorar a accesibilidade entre Peruleiro e a rúa Barcelona, o que permitirá ampliar os espazos peonís no barrio da Agra do Orzán En marcha as obras para mellorar a accesibilidade entre Peruleiro e a rúa Barcelona, o que permitirá ampliar os espazos peonís no barrio da Agra do Orzán

Os traballos comezaron o martes na rúa Fanny Garrido, e continuarán durante nove meses. O Concello destina case 600.000 euros a esta intervención, que inclúe a plantación de máis arboredo no interior do barrio

O Concello puxo en marcha esta semana as obras para mellorar a accesibilidade entre Peruleiro e a rúa Barcelona, unha intervención que suporá un investimento de case 600.000 euros e afectará á totalidade das rúas Fanny Garrido e Julia Minguillón. Ademais, tamén se reurbanizarán varios treitos de Manuel Deschamps, Almirante Mourelle e Páramo.

A remodelación deste percorrido permitirá gañar espazos peonís, ampliando os dispoñibles actualmente. As beirarrúas pasarán a contar cun ancho mínimo de 1,80 metros e, ademais, tamén se renovarán os materiais das mesmas, que contarán con pavimentos diferenciados para facilitar o paso das persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.

Como paso previo, o Concello tamén acometerá a renovación das redes de saneamento, onde as antiguas tubaxes de gres substituiranse por novos colectores de PVC, máis seguros fronte a hipotéticas fugas. Desta forma, o circuíto de recollida de augas na Agra do Orzán vai adaptándose, pouco a pouco, aos estándares xerais de infraestruturas de canalización que se está a impulsar en todos os barrios da cidade.

Ao abeiro da intervención, o Goberno de Inés Rey tamén ten previsto plantar máis arboredo ao longo do percorrido que se remodelará, onde se instalará novo mobiliario urbano sempre e cando o espazo público dispoñible así o facilite.

A rúa Fanny Garrido, punto de partida dos traballos

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou hoxe que "o feito de comezar as obras especificamente neste treito vén dado pola importancia de aproveitar as intervencións previas xa executadas na contorna". Cómpre lembrar que o Goberno de Inés Rey acometeu o ano pasado a substitución dos antigos colectores de aguas residuais e pluviais no treito da rúa Manuel Deschamps que vai cara a Almirante Mourelle.

Por iso, e co obxectivo de avanzar na renovación da rede de saneamento deste sector, o pasado martes comezaron as primeiras escavacións e sondaxes na rúa Fanny Garrido, perpendicular a Manuel Deschamps.

Neste sentido, e coa idea de minimizar as alteracións no tránsito das e dos residentes, en Fanny Garrido seguirá habilitado o acceso aos garaxes.

Un plan para ampliar os espazos públicos no barrio da Agra do Orzán

A alcaldesa, Inés Rey, insistiu hoxe na necesidade de dotar a veciñanza da Agra do Orzán de máis espazos públicos, ampliando os espazos peonís atendendo ás especificidades do barrio en materia urbanística. "Pola súa densidade poboacional e tamén pola súa propia configuración, con rúas moi estreitas, falamos dunha intervención moi necesaria, que, entendemos, fará máis accesibles diversas rúas do barrio", expuxo.

Neste sentido, a rexedora destacou a importancia de seguir avanzando "paso a paso" na remodelación do circuíto de rúas interiores da Agra do Orzán, un plan de continuidade que tamén inclúe a humanización parcial da rúa homónima, unha medida que afectará ao treito comprendido entre as rúas Meira, Entrepenas e Pascual Veiga, e que dará resposta a unha iniciativa aprobada nos Orzamentos Participativos. As obras xa están licitadas e suporán un investimento específico de 147.549 euros.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión