22 de marzo de 2025
Inés Rey: “Queremos que os coruñeses e as coruñesas sexan protagonistas dese novo modelo de transporte público que nos acompañará na próxima década”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, deu inicio esta mañá aos encontros participativos para definir o novo modelo de autobús urbano. O proceso, que se desenvolverá de marzo a xuño, abrangue 11 encontros co obxectivo de chegar a todos os distritos e favorecer a participación do maior número de xente.
Preto dun cento de persoas asistiron a esta primeira sesión, que contou coa explicación do equipo técnico encargado do estudo e cunha dinámica participativa para recoller achegas da cidadanía. "Queremos que os coruñeses e as coruñesas sexan protagonistas dese novo modelo de transporte público que nos acompañará na próxima década", destacou a rexedora.
Rey sinalou a importancia de deseñar un novo modelo de mobilidade máis eficaz, sostible e inclusivo, adaptado aos cambios urbanísticos e sociais que está a vivir A Coruña: "Estamos ante unha oportunidade única para definir un sistema que chegue a todos os barrios, pense na cidade do futuro e mellore o día a día da cidadanía".
Xunto á alcaldesa, estiveron no encontro o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage; a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz; a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa; e a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz.
O prezo de autobús, o mellor valorado polas persoas que asistiron
De acordo cos primeiros resultados recollidos, as persoas asistentes marcaron o prezo como o aspecto mellor valorado cunha puntuación media de 7,5 sobre 10. Tamén obtiveron valoracións positivas aspectos como as marquesiñas, as liñas e paradas e a accesibilidade. En cambio, a frecuencia das liñas e a intermodalidade co bus metropolitano, ferrocarril ou servizos como a biciCoruña foron sinalados como eixos a mellorar.
En canto aos ámbitos prioritarios, as persoas participantes identifican a puntualidade e frecuencia do servizo como a principal preocupación, escollida polo 80% dos enquisados. Séguenlle a intermodalidade, a adaptación a eventos masivos, a innovación dixital e a sustentabilidade, mentres que os prezos -aínda que ben valorados- apenas foron sinalados como prioridade.
Estes datos serán clave para orientar as decisións técnicas e políticas no deseño do novo modelo de transporte público da cidade.
Próximos encontros
A previsión é que os Encontros de Barrio comecen a semana que vén. Este é o calendario:
As persoas interesadas en participar nalgún ou nalgúns dos once Encontros de Barrio programados ata mediados de xuño xa poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón.
Ademais, toda a información está dispoñible na web do p Proceso participativo para o autobús da coruña .
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible