Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

12 de diciembre de 2024

Progresan as obras de mellora na avenida da Sardiñeira, así como os traballos de construción da nova vía da Agra dos Mallos, dúas intervencións clave para absorber o tráfico que xerará a futura intermodal

Inés Rey: “A nova estación intermodal será fundamental na futura mobilidade da cidade e tamén para o desenvolvemento urbano da súa contorna”

A alcaldesa participou este xoves na visita ao novo edificio da estación provisional, que entrará en servizo este sábado 14 mentres avanzan as obras nas antigas instalacións de San Cristovo

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o novo edificio provisional da estación intermodal, que permitirá prestar servizo ferroviario a medida que avanzan as obras de remodelación e renovación das actuais instalacións de viaxeiros, plataformas e vías na antiga estación de San Cristovo.

A terminal provisional, habilitada nun edificio que conta cunha planta de 1.125 metros cadrados, conta con seis vías asociadas a tres plataformas, cubrindo así as necesidades de tráfico ferroviario e evitando o tránsito das e dos viaxeiros pola zona onde se están a executar as obras, necesarias para adaptar a estación da Coruña ás súas necesidades futuras en termos de incremento de tráfico de viaxeiros e tamén pola chegada da alta velocidade.

Rey, acompañada hoxe polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, así como polo delegado do Goberno, Pedro Blanco, e por Juan Pablo Villanueva e Manuel Víctor Barrós, director xeral do ADIF e subdirector de Estaciones Noroeste respectivamente, destacou que as obras para construír a nova estación intermodal "son fundamentais para o futuro da mobilidade da cidade, tamén para contribuír ao desenvolvemento de dous barrios como Os Mallos e a Sagrada Familia".

Neste sentido, a rexedora agradeceu a colaboración do Ministerio de Transportes e Mobilidade e tamén do ADIF para darlle resposta ás necesidades formuladas polo Goberno municipal. Entre elas, as de garantir espazos para o estacionamento de vehículos, unha das demandas expostas pola veciñanza do distrito. "O aparcadoiro da intermodal contará finalmente con 575 prazas", expuxo a alcaldesa.

O edificio que acolle a estación provisional terá novos usos a futuro

O director xeral do ADIF, Juan Pablo Villanueva, precisou esta mañá que a creación do novo edificio que acolle a estación provisional ten a súa relación co incremento de viaxeiros contabilizado na estación da Coruña, onde nos últimos anos practicamente os fluxos foron duplicados, pasando de 150.000 a case 350.000 viaxeiros.

Atendendo a este dato, "para explotar a estación necesitamos seis vías", expuxo Villanueva, razoando que, coa construción da terminal provisional, situándoa a 350 metros da antiga estación, evitándolle incomodidades ás e aos viaxeiros e reforzando a súa seguridade no contexto das obras.

Ademais, Villanueva apuntou que a terminal provisional, construída con fondos Next Generation, estará operativa ata aproximadamente xuño de 2026. A posteriori, a previsión do ADIF é que as instalacións poidan acoller dependencias específicas para as contratas de mantemento, ademais de para novos operadores, "que sempre requiren espazos adicionais".

Este sábado 14, posta en servizo da nova terminal

A posta en marcha da terminal provisional da intermodal terá lugar este sábado 14.

Ata entón, e tal como precisaron o Ministerio e o ADIF previamente, será preciso cortar o servizo ferroviario na terminal coruñesa, dado que estes días se está a executar enclavar a electrónica da estación, así como a incorporación dos novos datos de sinalización, control de tráfico e comunicacións, tarefas necesarias para que a terminal provisional estea operativa. Ata este sábado, cando xa entrará en servizo a terminal provisional, a operadora manterá un Plan Alternativo de Transporte por estrada.

Neste sentido, cómpre lembrar que na contorna da estación provisional xa se delimitaron os espazos destinados para as paradas de taxis e autobús. Ambas as dúas estarán na avenida do Ferrocarril. 

No caso da parada de taxis, diante do acceso ao Fogar Infantil Emilio Romay. No das paradas de autobús, da liña 5, tanto a parada 562 como a 567 estarán diante da estación provisional, en sentido de ida e volta*.

*Ver no plano en PDF adxunto a esta nova.

Avanzan as obras de mellora na Sardiñeira e a Agra dos Mallos

No acto desta mañá, Inés Rey tamén puxo en valor as actuacións que se están a executar na contorna da estación para adaptar e mellorar os accesos existentes. Por exemplo, coa intervención na avenida da Sardiñeira, onde xa está a piques de concluír a primeira fase para a súa reurbanización, unha actuación clave para concretar os accesos á nova estación de autobuses integrada na intermodal e na que o Concello leva a cabo un investimento de 1,8 millóns de euros.

Esta actuación aparella unha segunda, tamén en marcha: a construción da nova vía que conectará as avenidas de Arteixo e A Sardiñeira a través da Agra dos Mallos. Rey apuntou que a creación deste novo percorrido "permitirá absorber o tráfico específico que teña como orixe ou destino a estación intermodal, xa que a práctica totalidade das liñas de autobús accederán por este novo percorrido". Desta forma, o Concello busca dar unha maior fluidez ao tráfico rodado nun dos principais accesos á cidade, segregándoo. A intervención na Agra dos Mallos, que tamén inclúe a creación de novos espazos peonís e un treito de carril bici entre Vioño e A Sardiñeira, suporá un investimento engadido de 2,1 millóns de euros.

Documentos:

Descarga aquí os itinerarios da estación provisional da Coruña (360 KB)

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión