14 de mayo de 2024
“Unha cousa é o Deportivo e outra é ABANCA. Unha cousa é o uso do estadio polo club e outra é a súa explotación comercial por parte dun banco”, apuntou a rexedora
A alcaldesa fixo hoxe unha declaración institucional en María Pita: “O estadio de Riazor é dos coruñeses e seguirá a ser. O Dépor nunca pagou e nunca pagará polo uso deportivo do estadio”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, ofreceu esta mañá unha declaración pública "tras a falta de respecto institucional ao Goberno municipal, á corporación, á afección deportivista e a toda a cidadanía do accionista maioritario do Real Club Deportivo", que impediu no día de onte que os xogadores, equipo técnico e demais membros do club que acadou o ascenso a Segunda División o domingo levasen a cabo a tradicional recepción institucional no Palacio Municipal de María Pita.
"Lamento profundamente a decisión de ABANCA de impedir unha tradición histórica como a de celebrar un ascenso na praza de María Pita. É unha desconsideración á cidade e á historia do club", sinalou a alcaldesa, que quixo facer fincapé en que "o futuro do Dépor non está en cuestión, está garantido e así será mentres eu sexa alcaldesa". "É unha falta de respecto aos xogadores, ao corpo técnico, pero sobre todo á afección e aos coruñeses e coruñesas", indicou Rey, reiterando que "a cidade merecía devolverlles todo o cariño e ilusión que nos regalaron este ano".
A rexedora recordou que hai un ano o accionista maioritario tamén tratou de utilizar o deportivismo para poñelo "ao servizo de intereses particulares". "Este luns negáronlle á Coruña a repetición dunha imaxe histórica da cidade. Riazor, Catro Camiños e María Pita son símbolos dos triunfos do deportivismo. Pesará sobre a súa conciencia.", apuntou Rey.
Inés Rey incidiu na necesidade de que o accionista maioritario do club respecte os seus 116 anos de historia. "Se algo quedou claro estes catro anos de sufrimento deportivo é que o amor desta cidade polo seu club non se compra nin se vende, e quen trata ese amor, ese sentimento, igual que un activo financeiro, é alguén que non entendeu que é ser do Dépor. O deportivismo non está en venda, non pode ser moeda de cambio para facer caixa.", dixo Inés Rey.
O Real Club Deportivo non vai pagar polo uso deportivo de Riazor
Inés Rey confirmou durante a súa declaración institucional que o Real Club Deportivo "nunca pagou e nunca pagará" polo uso deportivo do estadio municipal de Riazor. "O convenio segue vixente e a miña intención, que permanece intacta, é a de adiantar a súa firma a este ano.", sinalou a alcaldesa.
O Concello, ademais, remitiu hoxe a certificación que solicita o accionista maioritario do club para xogar na liga profesional. Trátase dunha licenza de actividade para realizar eventos deportivos. "A participación do Dépor no fútbol profesional non está ameazada.", sinalou a alcaldesa.
Inés Rey invitou á directiva do Real Club Deportivo a asistir a María Pita e asinar o novo convenio para a cesión gratuíta do estadio municipal para o seu uso exclusivamente deportivo. "Unha cousa é o Deportivo e outra é ABANCA. Unha cousa é o uso do estadio polo club e outra é a súa explotación comercial por parte dun banco. E o que non vou facer, nin eu nin creo que ninguén da corporación nin da cidade, é regalar un estadio que é de todos a un banco", sinalou a rexedora, que recordou que o estadio "é de todos os coruñeses e coruñesas" e que non se lle pode dar, como pide o accionista maioritario, a explotación comercial dun ben público de tal relevancia a unha entidade privada.
A alcaldesa tendeulle a man á directiva para reconducir a situación tras a falta de respecto institucional do día de onte. "Desde o Concello estivemos e saberemos estar á altura e, polo tanto, a miña man está tendida e disposta a traballar a favor do mellor para o club, porque será o mellor para a cidade", sinalou Rey.
Proposta de convenio para a cesión de Riazor ao Dépor (160 KB)
23 de mayo de 2024
13 de mayo de 2024
11 de mayo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible