25 de abril de 2025
Down Coruña vén de unir esforzos coa empresa Amasarte para iniciar unha nova etapa de traballo nas instalacións municipais da praza de Ourense, cedidas polo Concello para o desenvolvemento desta proposta hostaleiro-social
A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe no acto de reinauguración do Quiosco Down Experience, que abre unha nova etapa en colaboración con Amasarte nas instalacións municipais da praza de Ourense, cedidas polo Concello a Down Coruña para o desenvolvemento dun proxecto hostaleiro en clave social, unha iniciativa de inclusión laboral que foi pioneira en Galicia e que conta xa con catro anos de percorrido tras de si.
Rey, acompañada polas concelleiras Nereida Canosa e Diana Cabanas, puxo en valor os pasos adiante que segue a dar o proxecto do Quiosco Down Experience, que no seu momento permitiu revitalizar un espazo emblemático da cidade "e contribuíu, desde o seu punto de partida, a exemplificar a importancia da integración e o fomento da empregabilidade entre as persoas con discapacidade".
No acto desta tarde participaron tanto a directora como a xerente da asociación Down Coruña, María Díaz e Berta Lema, acompañadas polo persoal que traballa nas instalacións do quiosco. Foi precisamente unha das traballadoras, Laura Abelleira, a que explicou en que consistiron os traballos de reforma executados no quiosco nas últimas semanas, traballos necesarios para adecuar o recinto con vistas aos seus novos usos.
Aproveitando a reinauguración, Inés Rey louvou o traballo de Down Coruña, que neste 2025 cumpre un cuarto de século e que, tal e como destacou a rexedora, "vén traballando sen descanso, desde os seus inicios no Barrio das Flores ata o día de hoxe, na súa sede de Pedralonga, por mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e tamén das súas familias; un compromiso que compartimos desde o Concello".
25 de abril de 2025
23 de abril de 2025
11 de abril de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible