Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de agosto de 2024

Este martes, ás 13.00 horas, no Teatro Colón, presentarase a nova figura de Gaspariño, de Xaquín Marín

Inés Rey, no inicio do Viñetas desde o Atlántico: “Esta edición dá un salto de calidade e se adapta aos novos tempos”

Haberá un total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, traballos de máis de 40 autoras e autores galegos, unha vintena de editores de toda España e máis de 30 actividades na Rúa da BD

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde a apertura da 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic da Coruña. Do 12 ao 18 de agosto, A Coruña convértese un ano máis en punto de encontro para amantes da banda deseñada coa celebración desta cita internacional de referencia, a primeira baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo. A rexedora estivo acompañada no acto celebrado no Kiosko Alfonso polo propio director do certame e polo concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro. Tamén asistiron autores e autoras convidadas  desta nova edición de Viñetas, ademais de outros artistas participantes e entidades colaboradoras, expositores e diferentes profesionais do sector da BD galega.

"Sen perder a súa esencia, sen abandonar nunca a idea de que os autores e autoras deben estar no centro desta iniciativa, Viñetas dá un salto de calidade e se adapta aos tempos", sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. "Seguimos chamándoo Salón do Cómic, pero en realidade comeza nesta tarde un auténtico festival da banda deseñada, aberto ás distintas formulacións culturais que rodean a páxina ilustrada, o que se vai traducir en decenas de actividades, a maioría de carácter innovador", engadiu Rey.

O Salón do Cómic da Coruña acollerá un total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos, unha vintena de editores de toda España presentes na Coruña durante o evento e máis de 30 actividades na Rúa da BD, que contará cun total de 36 expositores. As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves do festival, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos.

Durante os sete días de festival,  asinarán os seus libros figuras da talla de Artur Laperla, Paula Cheshire, Miguel Robledo, Bea Lema, Martín Romero, Fran Jaraba, Jordi Bayarri, Emma Ríos ou David Rubín, entre moitas outras. Viñetas desde o Atlántico 2024 acollerá, tamén, as exposicións das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán, ademais da exposición colectiva 'Toriyama en Galicia', que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale.

Disciplinas como cinema, o teatro e a música, sempre relacionadas co universo da banda deseñada, incorpóranse ao cartel deste Viñetas 2024, que contará con obradoiros para público profesional e infantil e cunha novidosa serie de entrevistas cos autores convidados en formato 'Late Night Show' no Teatro Colón, onde participará, tamén, Fermin Muguruza.

"Esta semana veremos os froitos de tanto traballo, e non teño dúbida de que será un éxito, de feito xa o está sendo antes de comezar, en vista da expectación e bo recibimento dentro do sector da ilustración local, por exemplo, onde tamén A Coruña é unha potencia, como en todo o que ten que ver co cultural", apuntou Inés Rey. A alcaldesa tamén destacou o importante papel que xoga o Viñetas dentro da programación de Festas de María Pita: "A efervescencia festiva e cultural que alcanza esta cidade no mes de agosto, en realidade durante todo o verán, fala dunha urbe de primeiro nivel europeo, referencial como poucas neste ámbito".

Durante la celebración de Viñetas desde o Atlántico, A Coruña amosa máis dunha vintena de figuras de cómic a tamaño real en emblemáticas localizacións da cidade, como os Xardíns de Méndez Núñez, a Praza de María Pita, o Obelisco ou o Kiosco Alfonso. Entre estes personaxes de historieta non faltan nomes míticos do cómic universal como Mortadelo e Filemón, Batman, Pitufina, Capitán Trueno, Torpedo, Joker, Spider-Man, Corto Maltés, Súper López, Carpanta ou Tintín, entre moitos outros. Como novidade nesta 27ª edición do Viñetas, mañá martes, 13 de agosto, ás 13.00 horas, no Teatro Colón, terá lugar a presentación dunha nova figura -a primeira galega- que se suma á colección: Gaspariño, de Xaquín Marín.

Este mesmo luns abriron as súas portas tanto a tradicional Rúa da BD de Viñetas como as diferentes exposicións do festival. Por outra banda, a sección Viñetas Show botará a andar no Teatro Colón co concerto ilustrado de Sangre de Muérdago, Xulia Vicente e Sekone. Na páxina web oficial do festival, www.vinetasdesdeoatlantico.com, é posible consultar a axenda de actividades, os horarios e a información completa desta 27ª edición do festival.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión