29 de decembro de 2022
O monumento acenderase mañá, venres 30 ás 00.00 h con badaladas
O acto que comezará ás 22.30 h coas actuacións musicais de De la O e Garufa Blues Devils Band contará coa participación de diferentes axentes sociais, deportivos e económicos da cidade
O Concello da Coruña volverá a acender o Obelisco Millenium antes da chegada do 2023, nun acto aberto á cidadanía que terá lugar mañá venres 30 a partir das 22.30 h da noite. A alcaldesa, Inés Rey, explicou que "o Millenium volverá a acenderse despois de once anos apagado, recuperando un dos símbolos da nosa cidade nunha celebración con moita pegada coruñesa".
O acto comezará ás 22.30 h coa actuación musical de "De la O" que animará ao público antes do acendido. Este terá lugar ás 00.00 h cunhas badaladas para dar entrada ao ano 2023 de forma anticipada que culminará cunha tirada de fogos de artificio para celebrar a recuperación do Millenium. O evento continuará coa Garufa Blue Devils Band que amenizará o evento ata o fin de festa.
Pablo Portabales e Teba Chacón conducirán a presentación do acendido que contará con diferentes axentes sociais, deportivos, culturais e económicos da cidade. O barítono Borja Quiza ou Dava Torres, xogador do Hockey Club Liceo, son algúns dos nomes da nómina de representantes que conforman a Praza de Lugo, Tranvías Coruña, Down Coruña ou a Cociña Económica. "A recuperación do Millenium exemplifica a recuperación do orgullo de cidade, por iso quixemos contar cunha ampla representación dos principais axentes para dar a benvida de forma anticipada ao 2023 e celebrar todos xuntos o regreso do Millenium 11 anos despois" sinalou a alcaldesa.
O Concello da Coruña e Tranvías Coruña poñen a disposición buses lanzadera desde a Praza de Pontevedra para facilitar os desprazamentos. Sairán dende as 22.00 h cada 20 minutos. Ademais repartirase un kit de cotillón e uvas para as primeiras 1.000 persoas en chegar de forma gratuíta. Haberá barras de bebidas e chocolate con churros a prezos populares. "Quero agradecer a Gadis, Estrella Galicia e Bonilla, tres empresas da Coruña, que colaboraran nesta data tan especial na que o Millenium recuperará a súa luz o mesmo día que se inaugurou fai 20 anos" concluíu.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible