27 de xaneiro de 2025
A alcaldesa presidiu o acto de entrega dos títulos de Fillo Predilecto e Fillos Adoptivos da cidade ás familias de Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de entrega dos títulos de Fillo Predilecto e Fillos Adoptivos a Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor, coñecidos popularmente como os Heroes do Orzán. Os distintivos, concedidos a título póstumo no pleno ordinario de marzo de 2022, foron recollidos polas súas familias, nunha cerimonia celebrada no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita coincidindo co 13 aniversario do terrible suceso.
"Os Heroes do Orzán deron a vida por protexer a outros. Fíxérono porque o levaban no sangue, no máis fondo da vocación que os levou a entrar no Corpo Nacional de Policía, cuxos valores explican á perfección a responsabilidade e valentía coa que Javier, Rodrigo e José Antonio actuaron aquel infausto día", sinalou Inés Rey. No acto estiveron presentes, ademais das familias e da alcaldesa, membros da corporación municipal, autoridades das distintas administracións públicas, representantes do Corpo Nacional de Policía, da Garda Civil, da Policía Local, dos Bombeiros e outras entidades que participaron nos labores de rescate, así como os exalcaldes Javier Losada, Carlos Negreira e Xulio Ferreiro.
Durante o acto, entregáronse os tres distintivos ás súas familias. Por parte da familia de Javier López López recolleron o seu título de Fillo Predilecto a súa viúva, Loreto López, e a súa nai, Carmen López. Por parte de José Antonio Villamor, recolleu o seu título de Fillo Adoptivo a súa nai, Amparo Vázquez. Por último, por parte da familia de Rodrigo Maseda, recoñeu o título de Fillo Adoptivo a súa nai, Isabel Lozano. Todas elas puideron intervir durante o acto para lembrar a Javier, José Antonio e Rodrigo cunhas emotivas palabras.
"As tres persoas que neste acto honramos son a expresión máis alta dos valores que nos elevan como sociedade, porque sen servidores como eles a supervivencia da construcción social simplemente sería imposible. Os piares da convivencia e o progreso descansan sobre os corpos duns poucos, daqueles e aquelas que non dubidan en arriscalo para custodiar os lazos que nos unen, ofrecendo seguridade e apoio a veciños e veciñas nos momentos máis difíciles", dixo a alcaldesa durante a súa intervención.
Os nomes de Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor súmanse aos da actriz María Casares, ao arquitecto Andrés Fernández-Albalat, ao xornalista Ángel Gómez Hervada, Anca, ao fotógrafo Alberto Martí ou á lenda deportivista Arsenio Iglesias, aos que tamén se lles foi outorgada con anterioridade a distinción de Fillos Predilectos e Adoptivos da Coruña.
6 de marzo de 2025
10 de febreiro de 2025
10 de febreiro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible