Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de decembro de 2024

Juan Ignacio Borrego, na visita do CLIAC á Cociña Económica: “Pola súa empatía, as nenas e nenos achegan propostas fundamentais en aspectos sociais”

A rapazada que integra o Consello Local da Infancia da Coruña visitou esta tarde as instalacións do comedor social na rúa Socorro, acompañados polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica

O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, acompañou esta tarde as nenas e nenos do Consello Local da Infancia da Coruña (CLIAC) na súa visita ás instalacións da Cociña Económica, unha iniciativa enmarcada no plan anual de actividades deste programa municipal que implica a rapazada coruñesa na achega de propostas e suxerencias con respecto á cidade na que viven.

Medio cento de rapazas e rapaces integran o CLIAC, impulsado polo Goberno de Inés Rey para que as novas xeracións de coruñesas e coruñeses coñezan polo miúdo a súa cidade, os seus recursos e, por suposto, tamén as súas necesidades. Este último contexto foi o que propiciou a visita deste xoves á Cociña Económica.

"Pola súa curiosidade e tamén a súa empatía, as nenas e nenos son fundamentais para formular propostas de mellora para A Coruña, especialmente en aspectos sociais. E nesta época do ano, na que impera o consumo, as festas e os vencellos familiares, achegarnos á Cociña Económica axuda a ter perspectiva de que non todas as persoas que nos arrodean teñen as mesmas oportunidades que as demais. E tamén contribúe a interiorizar a importancia de escoitar e coidar. Non só en datas sinaladas como o Nadal, senón no día a día", apuntou Borrego. 

Na visita desta tarde, guiada por técnicos da Cociña Económica, as e os escolares coñeceron polo miúdo o traballo que alí se desenvolve todos os días do ano, "un aspecto clave para que as nenas e nenos poidan achegar ideas ou sumar propostas a formular nos vindeiros meses, antes da celebración do pleno infantil do CLIAC", agregou Borrego.

A Cociña Económica da Coruña é unha asociación benéfica que ten como obxectivo proporcionar comida todos os días do ano a persoas en situación de vulnerabilidade socioeconómica ou sen recursos. Tamén se lles dá acceso a servizos asistenciais e asociados á hixiene persoal. Fundada no ano 1886, é o comedor social en activo e en funcionamento ininterrompido máis antigo de España.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión