Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

26 de julio de 2023

O novo Viñetas desde o Atlántico contará con seis grandes exposicións de gran relevancia internacional

Lionel Scaloni será o pregoeiro das Festas de María Pita 2023

A alcaldesa, Inés Rey, presentou a programación, na que destacan as actuacións musicais de Mika, Víctor Manuel, Vanesa Martín, El Kanka, The Waterboys, Xabier Díaz e Adufeiras da Salitre e Umberto Tozzi

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá a programación das Festas de María Pita 2023, que encherán o agosto coruñés de multitude de propostas culturais e de ocio para gozo de toda a cidadanía. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro.

Rey anunciou que o pregoeiro deste 2023 será Lionel Scaloni. O ex xogador do Deportivo e seleccionador de Arxentina estará o vindeiro martes 1 de agosto en María Pita a partir das 21.00 horas. "Será un pregón moi especial, pois renderemos homenaxe a toda unha lenda do Deportivo que vén de conseguir un fito histórico co seu país", sinalou Inés Rey. A alcaldesa quixo agradecer a Scaloni a súa predisposición para ser o pregoeiro e animou á cidadanía a asistir a María Pita e renderlle deste xeito unha merecida homenaxe.

En canto á oferta musical das festas, desveláronse os artistas que actuarán nas denominadas Noites de María Pita. O día 1 de agosto abrirá as festas o artista británico de orixe libanés, Mika. O día 2 será o turno dun dos cantautores españois máis representativos, Víctor Manuel. O día 3 haberá un evento especial, baixo o nome Locos Coruña. Trátase dun concerto que agrupará a numerosas formacións dos anos oitenta. Actuarán Seguridad Social, Melon Diesel, Rafa Sánchez e Revolver. Ademais, tamén estarán invitados The Refrescos, Miguel Costas, Tenennesse, Guaraná e La Poptelera.

O día 4 contarase coa actuación da artista Amaia e o día 5 con Vanesa Martín. O 6 de agosto será a quenda de El Kanka, o 7 celebrarase o espectáculo para todas as idades de Rock en Familia e o 8 de agosto será a quenda da banda The Waterboys. Do 9 ao 12 de agosto celebrarase o Festival Noroeste Estrella Galicia, con escenarios na praia de Riazor e en diferentes localizacións da cidade.

A música volverá á praza o 13 de agosto con Los 40 Summer Live. O 15 actuará Xabier Díaz e Adufeiras da Salitre e o 16 de agosto Umberto Tozzi. Inés Rey anunciou que este ano celebrarase tamén un evento moi especial o 20 de agosto. Será o concerto Mangüi sempre con nós, que renderá homenaxe ao baixista dos Diplomáticos de Monte-Alto, Manuel Martín Mangüi, recentemente falecido. Estarán o resto de integrantes da banda e participarán, entre outros, Antón Reixa, Bieito Romero, Mercedes Peón ou Paco Lodeiro.

A rexedora indicou tamén que as grandes actuacións musicais da programación das festas, ademais do Morriña Fest e o concerto de ZAZ, contarán con puntos violeta para informar sobre violencia de xénero e atender posibles denuncias.

Viñetas desde o Atlántico

A alcaldesa tamén anunciou parte da programación da edición número 26 de Viñetas desde o Atlántico. "Será unha edición moi especial, pois tras un cuarto de século este festival toma un novo rumbo impulsado e organizado polo Concello da Coruña da man do sector do cómic coruñés, cunha programación exclusiva e de gran nivel internacional", sinalou Inés Rey.

O Viñetas celebrarase entre o 7 e 13 de agosto e contará con seis grandes exposicións, ademais de charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cine, música e talleres para profesionais e público infantil. O festival reunirá a figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland. Tamén será unha edición especial porque se renderá homenaxe a Francisco Ibáñez, un dos creadores máis recoñecidos da banda deseñada española, que faleceu recentemente.

Un ano máis, o Quiosco Alfonso será o corazón expositivo de Viñetas desde ou Atlántico. A esta sala municipal súmanse outras como PALEXCO, o Palacio Municipal, casa Museo Picasso ou Casa Cultura de Salvador de Madariaga. Todas as exposicións estenderanse no tempo máis aló da celebración da propia feira, ata o 10 de setembro.

Na Sala de Exposicións de PALEXCO o público poderá visitar dúas mostras moi especiais: a primeira homenaxe expositiva ao recentemente falecido Calpurnio, universalmente coñecido como o autor 'El bueno de Cuttlas', a tira cómica que durante anos ilustrou El País Semanal. A segunda exposición en PALEXCO exemplifica a evolución de Viñetas como plataforma que integra novas linguaxes e que aposta polo talento local: 'Alberto Vázquez: do cómic á animación' "será unha oportunidade única para mergullarse no universo artístico deste multipremiado creador coruñés" -gañador do Goya en 2023 pola súa longametraxe de animación Unicorn Wars- e a súa riquísima imaxinación, a través de orixinais dos seus cómics e detalles dos seus procesos de animación.

O Palacio Municipal expoñerá por primeira vez na Coruña o traballo dos italianos Teresa Radice e Stefano Turconi, considerados como dous dos autores máis relevantes no panorama europeo da Novena Arte. Inmersos aínda na celebración do Ano Picasso, a súa casa museo na Coruña acollerá unha exposición de poesía gráfica de Laura Pérez Vernetti, considerada como unha das mellores historietistas españolas, gañadora en 2018 do Gran Premio do Salón do Cómic de Barcelona. Con ela, Viñetas ábrese a un dos xéneros máis novos do cómic actual, a poesía gráfica. Mención especial merece a mostra recentemente chegada do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía 'Mujercitas del mundo, ¡uníos! Pioneiras del cómic underground adulto', que nos descobre o traballo das grandes pioneiras do cómic en España, desde a Transición ata a actualidade. Viñetas desde o Atlántico será tamén un escaparate no que poñeremos en valor o rico ecosistema autoral da cidade coa mostra colectiva 'BD na Coruña que bonita é. Banda Deseñada creada desde A Coruña'.

Citas clásicas e festas nos barrios

O Concello da Coruña continúa apostando polos grandes acontecementos populares dentro da súa programación das Festas de María Pita. "Temos unha programación de festas ampla e dunha gran variedade que nos converten nunha referencia en Galicia e España", sinala Inés Rey.

A Batalla Naval será o 14 de agosto e o Festival Internacional de Folclore celebrarase do 9 ao 13 de agosto nos Xardíns de Méndez Núñez. Por outra banda, o Certame de Habaneras será do 14 ao 20 de agosto, tamén no escenario dos xardíns. Santa Margarida contará con diferentes citas este mes de agosto: o Festival Independiente Rock Coruñés e o Festival de Electrónica Coruñesa, os días 18 e 19; a Romaría de Santa Margarida, do 25 ao 27; e o concerto de Rubén Blades, o 28 de agosto.

Por outra banda, os barrios seguirán sendo unha peza fundamental das festas, con diferentes celebracións. Neste mes de agosto celebraranse as festas do Birloque, Monelos, Oza - Gaiteira, Castrillón (cun concerto especial de Burning o 17 de agosto), Sagrada Familia, Eirís e Novo Mesoiro. Ademais, tamén haberá programación familiar nos barrios cunha unha nova edición de Cascarillarte, que percorrerá diferentes espazos da cidade entre o 7 e o 31 de agosto.

Por outra banda, este xoves comeza o Festival Manicómicos que volve ás rúas e prazas da cidade de A Coruña cunha  extensa e coidada programación para todos os públicos e en todos os barrios como aperitivo perfecto previo ás festas de María Pita. E como sabedes este verán tamén recibiremos a Tall Ship Races do 24 ao 27 de agosto con participantes e espectadores de toda Europa.

"Agosto volverá a ser o mes no que todo o país poñerá os seus ollos na nosa cidade pola súa gran diversidade cultural e a súa grande oferta de ocio", sinalou a alcaldesa. A programación completa (no documento adxunto) poderá consultarse na páxina web do Concello da Coruña e nas súas redes sociais.

Documentos:

Programa das Festas de María Pita 2023 (2 MB)

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión