Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de setembro de 2024

Arredor de 450 corredores e corredoras son de nova inscrición, aos que se suman máis de 1.100 confirmacións dos inscritos ao total do circuíto

Máis de 1.500 persoas volven este domingo ao Coruña Corre na carreira popular Matogrande-Xuxán

Desde as 07.00 horas do domingo 15 de setembro cortarase a rúa Sebastián Martínez Risco para a colocación dos arcos da saída meta

Este domingo 15 de setembro volve o circuíto de carreiras populares Coruña Corre coa VIII edición do circuíto Matogrande-Xuxán. O prazo de inscrición, aberto desde o pasado mes de agosto, pechou este domingo con máis de 1.500 persoas inscritas para disputar a proba, quinta da XI edición do Coruña Corre.

Do total das persoas inscritas, arredor de 450 corredores e corredoras son de nova inscrición. A elas súmanse máis de 1.100 confirmacións de persoas inscritas ao total do circuíto de carreiras Coruña Corre, sendo máis de 1.500 as que se concentrarán este domingo. O trazado da carreira ten un percorrido total de 6.640 metros. Como novidade este ano a carreira transcorrerá, ademais de polo Campus Universitario de Elviña e o barrio de Matogrande, polo barrio de Xuxán, onde estarán localizados os últimos 2 quilómetros da proba. A entrega de medallas será arredor das 11.00 horas no palco habilitado nas instalacións do Liceo La Paz.

Ademais, como é habitual, contará cunha proba absoluta e percorridos adaptados para categorías inferiores sub 18 e sub 16, sub 14, sub 12 e sub 10 e prebenxamín ou peques. No caso das probas menores, a entrega de premios terá lugar sobre ás 13.00 horas no mesmo espazo que na proba absoluta.O detalle dos horarios das probas é o seguinte:

  • Proba absoluta - 10.00 horas
  • Sub-18 - 11.15 horas
  • Sub-16 - 11.30 horas
  • Sub-14 - 11.45 horas
  • Sub-12 - 12.00 horas
  • Sub-10 - 12.15 horas
  • Prebenxamín (peques) - 12.30 horas

Información para a recollida de dorsais

Os dorsais entregaranse no colexio Liceo La Paz o mesmo día da carreira a partir das 09.00 horas e ata antes da saída de cada unha das probas, así como as pulseiras identificadoras para a categoría "peques". O acceso ao colexio habilitarase na rúa Sebastián Martínez Risco. Tamén se habilitará servizo de duchas e gardarroupa.

As persoas inscritas no circuíto Coruña Corre que xa teñan o seu dorsal e camiseta non precisarán volver retirar un novo. 

Itinerario da carreira e alteracións no tráfico

Dende as 07.00 horas do domingo 15 de setembro cortarase a rúa Sebastián Martínez Risco para a colocación dos arcos da saída meta. O corte ampliarase a partir das 09.45 horas e ata as 11.10 horas con motivo do desenvolvemento da proba absoluta nas rúas integradas no percorrido.

Deste xeito, tendo como punto de inicio e meta a rúa Sebastián Martínez, o percorrido pasará polas seguintes rúas: Sebastián Martínez, Juan Díaz Porlier, Federico García, Enrique Mariñas Romero para pasar á avenida García Sabell e avenida da Universidade, chegando así ao Campus de Elviña. Continua pola rúa José María Luengo pasando por diante do Pavillón de Estudantes e o Estadio Deportivo e continúa fronte á Facultade de Educación e a escola infantil ata a rúa Newton e a Facultade de Socioloxía, conectando coa Casa Lagar para volver a Matogrande por detrás da Facultade de Informática e Enxeñaría, regresando na rotonda á avenida da Universidade e García Sabell para chegar de novo ás rúas Enrique Mariñas e Federico García, e volvéndose situar na rúa Juan Díaz Porlier.

Por primeira vez, Xuxán fica integrada na Carreira Popular de Matogrande, co que se cumpre co compromiso do Goberno de Inés Rey para incluír o barrio no circuíto de carreiras populares. Así, o percorrido encarará os dous últimos quilómetros polo barrio, subindo ata a rúa Cernadas con Alberto Martí e posteriormente a avenida de Xuxán, conectando coa avenida de Amorodos de Eirís pola rúa Galán e regresando á avenida de Xuxán pola rúa A Canteira. As persoas corredoras regresarán á rúa Juan Díaz Porlier para rematar, de novo, en Sebastián Martínez.

As restricións de tráfico iranse abrindo progresivamente coa paso dos corredores e corredoras polos puntos indicados, agás nas rúas Sebastián Martínez Risco, Juan Díaz Porlier e o tramo entre rotondas de acceso a Xuxán xa que forman parte do circuíto do resto de categorías.

Carreiras menores e prebenxamín

A partir das 11.15 horas disputaranse as carreiras menores, ata as 12.30 horas. Durante o desenvolvemento da carreira, as rúas Sebastián Martínez Risco, Juan Díaz Porlier e o tramo entre as rotondas de acceso a Xuxán ficarán pechadas ao tráfico. A partir das 12.30 horas só a rúa Sebastián Martínez Risco, ata aproximadamente as 14.30 horas cando remate o desmonte do arco de saída e meta.

Zonas con alteracións nos espazos de estacionamento e desestacionamento de vehículos

Dende o día anterior ao desenvolvemento da proba e ata o seu remate, as rúas Sebastián Martínez Risco  e Juan Díaz Porlier deberán ficar libres de vehículos. Ademais, dende as 09.45 horas e ata as 11.15 horas estará prohibido desestacionar nas rúas Federico García e Enrique Mariñas xunto coas avenidas Amorodos de Eirís e Xuxán. De igual xeito, as persoas usuarias dos garaxes situados á altura dos números 8 e 10 da rúa Sebastián Martínez Risco non poderán acceder nin saír dos garaxes durante o tempo de desenvolvemento da proba.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión