5 de abril de 2024
A xornada abrirase ás 10.00 horas coa disputa da carreira na categoría absoluta, unha proba cun percorrido de 6.250 metros que sairá desde o parque de San Diego e pasará por Os Castros, Eirís e O Castrillón
O circuíto de carreiras populares Coruña Corre volve este domingo coa segunda proba do calendario deste ano, a XI Volta a Oza, cita na que xa confirmaron a súa participación máis de 1.600 persoas.
A xornada de competición desenvolverase de 10.00 a 13.00 horas, e abrirase coa disputa en categoría absoluta, cun percorrido de 6.250 metros que dará comezo no parque de San Diego, en dirección á rotonda de cruzamento entre a rolda de Outeiro, rúa Posse e avenida do Exército, onde se enfilará o camiño de subida cara á avenida da Pasaxe e, posteriormente, unha nova subida pola avenida da Concordia. A partir de aí, o percorrido adéntrase no barrio do Castrillón, polas rúas Alacante e José María Hernansáez, para chegar ao parque de Eirís, con volta posterior pola avenida Casanova de Eirís, pasando por diante do Centro Deportivo do Castrillón, que marca o ecuador da carreira. Desde este punto, descenso polas sendas interiores do parque de Oza, dous treitos de subida e baixada pola rolda de Outeiro e chegada final ao parque de San Diego.
Xa a continuación, a partir das 11.30 horas, comezarán as saídas progresivas das categorías inferiores, tamén desde o parque de San Diego, con percorridos que van dos 2.430 aos 150 metros en función da idade das e dos rapaces participantes.
As entregas de premios terán lugar na zona de saída e meta -ou no Polideportivo Municipal de San Diego, en caso de choiva-. Ás 11.15 horas, ás e aos atletas vencedores da proba absoluta. E xa as 13.00 horas, aos gañadores en categorías inferiores.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, fixo un balance positivo da cifra de persoas que xa confirmaron a súa participación na proba deste domingo, coa que o Goberno de Inés Rey dá continiudade ao circuíto Coruña Corre, fomentando a práctica deportiva e os hábitos saudables entre a cidadanía, a escala interxeracional.
A recollida de dorsais, entre o sábado e o domingo no Polideportivo de San Diego
O Complexo Deportivo Municipal de San Diego abrirá as súas portas durante a fin de semana para facilitar a loxística e atención ás persoas participantes de cara á proba.
Neste sentido, a recollida de dorsais estará centralizada precisamente no Complexo. O sábado 6, de 11.00 a 20.30 horas, e o domingo 7, desde as 09.00 ata unha hora antes do comezo de cada unha das categorías.
O propio día da carreira haberá, ademais, servizo de gardarroupa, en horario de 09.30 a 11.30 horas. Tamén servizo de duchas, de 10.30 a 13.00 horas.
Cómpre lembrar que tamén se proporcionará auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes en cada unha das categorías, nun lugar visible despois da meta.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible