5 de xaneiro de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu a implicación das 200 persoas que integraron o dispositivo de organización e seguridade ao longo do día, “facendo posible que as coruñesas e coruñeses disfruten de xornadas como esta”
Un total de 104.000 persoas asistiron este domingo ao percorrido da Cabalgata de Reis na cidade da Coruña, unha das celebracións máis agardadas destas festas de Nadal, que xa chegan á súa recta final.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañou ás SSMM os Reis Magos nos instantes previos ao inicio da cabalgata, que partiu ás 18.00 horas da rolda Camilo José Cela, entre Monelos e o Barrio das Flores, para continuar posteriormente por Alcalde Pérez Ardá, Fernández Latorre, as avenidas Primo de Rivera e Linares Rivas e a praza de Ourense, ecuador do trazado.
A comitiva, composta por máis de 800 persoas repartidas nas diversas carrozas e compañías artísticas incluídas na cabalgata, avanzou a continuación polos Cantóns, a Marina e, xa finalmente, María Pita, onde a rexedora recibiu novamente a Gaspar, Melchor e Baltasar, antes de abrirlles camiño ao balcón do Palacio Municipal, onde os grandes protagonistas da xornada saudaron ás nenas e nenos que se achegaron á praza.
"Como cada ano por estas datas, A Coruña e a nosa xente viven con moitísima ilusión un día tan sinalado como este no calendario do Nadal. Máis alá dos agasallos, os Reis Magos trouxeron hoxe ledicia ás nosas rúas e alegría ás familias e á rapazada da nosa cidade, e iso é de agradecer", apuntou Inés Rey.
O dispositivo de seguridade e organización, integrado por unhas 200 persoas
A rexedora tamén puxo en valor o compromiso e implicación das case 200 persoas que integraron o dispositivo de organización e seguridade da cabalgata este domingo 5 de xaneiro. Máis dun cento delas, pertencentes á Policía Local, os Bombeiros da Coruña, Protección Civil, Cruz Vermella e ambulancias sanitarias, ás que acompañaron outras 90 persoas voluntarias, que ao longo do día contribuíron nas tarefas de loxística, mobilidade e asistencia á cidadanía.
"O seu traballo, antes, durante e tras a cabalgata, é fundamental para garantir a celebración dos festexos con todas as garantías de seguridade, facendo posible que as coruñesas e coruñeses disfruten de xornadas como esta", destacou Inés Rey.
A cabalgata transcurriu sen incidentes malia a alerta por mal tempo, permitindo que moitos nenos e nenas puideran gozar dela no día previsto e con mínimos cambios no percorrido para evitar as rúas con máis vento. Finalmente a choiva tamén respetou aos milleiros de cidadáns que saíron á rúa a ver o paso dos reis.
4 de xaneiro de 2025
3 de xaneiro de 2025
3 de xaneiro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible