2 de abril de 2024
Os traballos suporán o corte do tráfico rodado neste sector. Manteranse, iso si, os percorridos destinados ao tránsito peonil e tamén o acceso ás garaxes da zona
Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos traballos, este mércores trasládanse as paradas de transporte urbano das liñas 4, 5, 6, 6-A, 7, 11, 24 e UDC, con novas localizacións provisionais
O Concello da Coruña activará este mércores 3 a nova fase das obras de reurbanización de San Andrés, que se centrará no treito comprendido entre Santa Catalina e a rúa Sol. Nesta nova fase, e co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos traballos, xa se farán efectivos os primeiros cortes do tráfico rodado.
En primeiro lugar, no sector oeste estará prohibida a circulación de vehículos en sentido cara á praza de Pontevedra, mais poderase seguir circulando en sentido á rúa Sol ata Santa Catalina; onde se deberá xirar para incorporarse ao Cantón Grande.
Xa no sector leste, entre Santa Catalina e a rúa Sol, cortarase o tráfico rodado en ambos os dous sentidos de circulación. Manteranse, iso si, os percorridos específicos para o tránsito peonil e tamén se habilitará o acceso aos garaxes situados ao longo deste treito. Delimitaranse, ademais, espazos específicos para a carga e descarga de mercadorías, que se relocalizarán en rúas como Marqués de Pontejos ou o cruzamento coa rúa Torreiro.
Cómpre lembrar que na primeira fase da intervención, que rematou na antesala da Semana Santa, leváronse a cabo traballos preliminares de topografía e localización de servizos, e tamén se aproveitou para acometer a reposición da rede de augas residuais ao longo da rúa, unha actuación en materia de infraestruturas que se executou nesta primeira quenda coa finalidade de non obstaculizar o avance das obras posteriores.
En paralelo, as obras de mellora entre as rúas Pórtico de San Andrés e Torreiro
O proxecto de reurbanización en San Andrés -redactado por Eptisa, que tamén ostenta a dirección de obra- contempla unha actuación complementaria, que acometerá nesta nova fase o Concello no treito comprendido entre as rúas Pórtico e Torreiro, un enclave onde é habitual o tráfico rodado correspondente ao transporte público e vehículos de carga.
Este treito, onde a calzada e as beirarrúas xa estaban dispostas en forma de plataforma única, será renovado e mellorado para que siga a mesma estética da futura rúa San Andrés, cun pavimento feito a base de formigón desactivado.
A intervención tamén se estenderá ao treito da rúa Sol que chega ata a rúa Socorro, adentrándose xa no Orzán, un sector afectado tamén polos factores indicados previamente.
Traslado das paradas de transporte urbano
Unha das medidas a destacar no contexto desta nova fase que se inicia mañá, mércores 3 de abril, é o traslado das paradas de autobús correspondentes ás liñas 4, 5, 6, 6-A, 7, 11, 24 e tamén a da UDC, tanto en sentido de entrada á cidade como en sentido de saída.
Dado que a circulación do tráfico rodado estará imposibilitada entre Santa Catalina e Sol ao longo desta quenda de traballos, o Concello delimitou novos espazos para a agarda das persoas usuarias.
O mapa coas novas localizacións provisionais pode descargarse nos adxuntos a esta noticia.
Así será a futura rúa San Andrés
A reurbanización da rúa San Andrés, na que o Goberno de Inés Rey leva a cabo un investimento de 3,2 millóns de euros, é unha das intervencións urbanísticas máis destacadas das formuladas de cara ao mandato 2023-2027.
Os traballos permitirán a renovación integral do espazo que vai desde o cruzamento con Juana de Vega ata a rúa Sol, baixo unha premisa moi clara: humanizar San Andrés coa recuperación e ampliación de espazos peonís, naturalizando o percorrido con máis de 80 árbores inspiradas no antigo bulevar de San Andrés, que no pasado contou con ducias de moreiras de Valdeorras.
"Buscamos, en certa forma, unha volta ás orixes que tamén sexa un revulsivo para dinamizar comercialmente á zona, visibilizando as tendas e establecementos da rúa nun espazo no que gañarán protagonismo as persoas e os espazos de convivencia para a cidadanía", apuntou hoxe a alcaldesa, Inés Rey.
As obras, que está a executar a Unión Temporal de Empresas (UTE) conformada por Abeconsa e Canarga, darán unha nova imaxe a San Andrés, que pasará a estar disposta en forma de plataforma única e onde se manterá o paso de vehículos polo sector central. Haberá dous carrís de circulación para o tráfico rodado -un por sentido-, e cada un terá tres metros de ancho.
A un lado e a outro do sector central disporanse barreiras vexetais, de 1,50 metros de ancho, que exercerán de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas, onde tamén se renovarán as baldosas e levaranse a cabo as melloras de accesibilidade necesarias para adaptalas ao paso de persoas con mobilidade reducida.
A maiores, executaranse melloras nos servizos públicos da rede de saneamento e iluminación: no primeiro caso, substituiranse os antigos colectores por uns novos, cun diámetro máis amplo para reforzar a seguridade fronte a posibles fugas; e, no segundo caso, renovarase a iluminación incorporando novas luminarias con tecnoloxía LED.
Toda a información sobre o plan de obra, así como dos prazos e traslado das paradas de transporte público, xa se poden consultar na páxina web do Concello, no apartado específico sobre a Reurbanización de San Andrés .
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible