Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de outubro de 2024

Medio cento de deportistas de primeiro nivel participan esta fin de semana no Campionato de España de Surf Open

A alcaldesa, Inés Rey, presentou a programación completa da competición, que contará tamén con zona gastronómica, concertos, charlas e área comercial

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá na fonte dos surfistas o Campionato de España de Surf Open 2024, un evento que se celebrará do venres ao domingo na enseada do Orzán, principalmente na contorna da praia do Matadoiro, e que leva o nome de 'A Coruña King and Queen of the Bay'.

"Se hai unha cidade galega que poida acoller esta proba, esa é A Coruña, pois estamos ligada ao océano Atlántico que baña esta enseada do Orzán", sinalou Inés Rey. Tamén estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Surf, Román Díez, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Acompañaron á alcaldesa o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. A rexedora agradeceu a colaboración das diferentes institucións na organización desta competición. "Non só teremos un campionato de primeiro nivel, ao que poderán asistir como espectadores todos os coruñeses e coruñesas, senón tamén unha gran festa do surf con numerosas actividades paralelas, que van desde concertos, gastronomía e comercio a charlas e actividades de concienciación ambiental", celebrou a alcaldesa.

Durante tres días de competición os e as participantes loitarán polo título de campión e campioa de España 2024. Ademais, o ou a deportista que durante a fin de semana surfee a mellor onda levará un premio co nome de Tito Fariña, en homenaxe ao pioneiro surfista coruñés falecido hai catro anos. Ademais, o evento contará con diferentes propostas de ocio e gastronomía para complementar a actividade deportiva. Haberá concertos, zona gastronómica e comercial e diferentes actividades que se irán desvelando nas vindeiras semanas.

O evento dividirase en tres zonas: a fonte dos surfistas, onde estará a parte deportiva do evento; o paseo marítimo, entre a fonte dos surfistas e a Finca dos Mariño, onde se situarán as diferentes propostas gastronómicas e comerciais; e a propia Finca dos Mariño, onde se celebrarán as actuacións musicais. Entre as actividades paralelas previstas haberá charlas sobre a historia do surf en Galicia e sobre o surf adaptado, recollida de lixo nas praias, clases de skate e bautismo de surf para persoas con diversidade funcional e outros obradoiros.

Está prevista a participación de medio cento de deportistas de primeiro nivel nacional (32 homes e 16 mulleres), sendo a delegación máis numerosa a de Galicia con 11 persoas. Tamén participarán oito deportistas de Canarias, 12 do País Vasco e 10 de Cantabria e sete de Asturias. Destaca a presenza do deportista olímpico Andy Criere, principal favorito na categoría masculina xunto a Yago Domínguez (País Vasco) e Luis Díaz (Canarias). Na proba feminina destacan as canarias Lucía Machado e Sol Borelli e a asturiana Enara Palacios. Haberá premios de 800, 500, 300 e 125 euros aos primeiros catro clasificados de cada categoría. Ademais, o trofeo Tito Fariña terá un premio económico de 500 euros.

A asistencia a todas as actividades e eventos será gratuíta. A competición deportiva está financiada polo Plan de Sostibilidade Turística A Coruña Sostible e Dixital, cuxas actuacións son financiadas a partes iguais pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello.

Programación completa

Venres 18

  • 8.00 - Apertura das acreditacións
  • 9.00 - Inicio do Campionato de España Open
  • 11.00 - Apertura da zona comercial
  • 14.00 - Fin da competición
  • 19.00 - Inicio dos concertos: Hoy, Fuah e Press the Walkie.

Sábado 19

  • 9.30 - Inicio do Campionato de España Open
  • 10.00 - Inclusurf Fundación María José Jove e Fundación La Caixa
  • 11.00 - Apertura da zona comercial
  • 11.30 - Incluskate Fundación María José Jove e Fundación La Caixa
  • 14.30 - Fin da competición
  • 16.00 - Charla de Dani Souto, na fonte dos surfistas
  • 17.00 - Charla de presentación 'Otro mar, libros del océano' e convidados, na fonte dos surfistas
  • 18.00 - Inicio dos concertos: Braian de Palma, Los Mecánicos, Terbutalina e DJ Caste.
  • 22.30 - Rumba is Good 'Rider of the Night'

Domingo 20

  • 10.00 - Inicio do Campionato de España Open
  • 11.00 - Limpeza de praia con WE
  • 11.00 - Apertura da zona comercial
  • 12.00 - Mural sostible con WE
  • 13.00 - Taller de reparación de neoprenos con La Rampa Garage
  • 15.00 - Fin da competición
  • 16.00 - Entrega de premios e Trofeo Tito Fariña

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión