27 de setembro de 2024
Terá lugar o vindeiro xoves 3 de outubro a partir das 20.15 horas, con entrada de balde ata completar capacidade
O festival está promovido pola Asociación Veciñal da Agra do Orzán en colaboración con Pallasos en Rebeldía, no marco do programa ‘Ágra no Ágora’, financiado polo Concello da Coruña
O Centro Sociocultural Ágora acollerá o festival de artes escénicas e circenses 'Pola paz e contra as guerras', promovido pola Asociación Agra de Orzán e coordinada por Pallasos en Rebeldía no marco do programa 'Ágra no Ágora', financiado polo Concello da Coruña.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a programación do festival, que terá lugar o vindeiro xoves 3 de outubro a partir das 20.15 horas, con entrada de balde ata completar capacidade. Na presentación estivo tamén Flor Antelo, presidenta da entidade veciñal.
"Nesta gala o humor e as artes escénicas póñense ao servizo da solidariedade para lembrarnos que os conflitos están aí, á nosa beira, poñendo en risco a nosa propia condición de humanidade", explicou Iván Prado, representante de Pallasos en Rebeldía. No festival participarán a monologuista Leti da Taberna, a compañía de circo Desastronauts, o mago cómico Dani Blanco e músico Mondra, presentados polo pallaso Fran Rei e coa participación de Iván Prado. O concelleiro puxo en valor a presenza de artistas de primeiro nivel e embaixadores da cultura galega.
Castro destacou o impulso do Goberno de Inés Rey á programación cultural dende unha perspectiva solidaria, de acordo co apoio á gala 'cultura contra a barbarie'. "Estamos onde temos que estar que é na defensa de paz e loitando contra as inxustizas e mais cando é un xenocidio como o que se está a producir en Gaza, coa vulneración de dereitos fundamentais dos pobos e das persoas", explicou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible