Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de decembro de 2024

O barrio de Novo Mesoiro sumará un novo espazo de ocio xuvenil, habilitado para a práctica de deportes urbanos como calistenia e break, así como baloncesto

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que o proxecto para a construción desta infraestrutura foi aprobado na Xunta de Goberno Local. “Con esta actuación daremos resposta ás demandas das familias e a rapazada do barrio”, expuxo

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que deu o visto bo ao proxecto para construír unha nova área de ocio xuvenil ao aire libre no barrio de Novo Mesoiro.

A rexedora apuntou que, con esta intervención, o Concello busca dar un novo pulo ás infraestruturas de xogo e lecer "nun dos barrios da Coruña, e tamén de Galicia, que conta con máis familias novas, un factor que evidentemente se tivo en conta á hora de determinar que usos futuros pode ter a área de ocio xuvenil, atendendo ás necesidades e gustos da rapazada".

A previsión do Concello é que a área de ocio xuvenil esté ubicada nunha área axardinada en desuso situada tras os bloques de vivendas da rúa Ribeira Sacra e o rego de Moitos, onde se habilitará unha nova superficie de máis de 1.500 metros cadrados que incluirá espazos individuais para a práctica deportiva de calistenia, break e bailes urbanos, baloncesto, ping-pong, xadrez e tamén un pequeno rocódromo.

Rey destacou que "pese a que haberá espazos delimitados para cada disciplina, todos estarán interconectados con percorridos accesibles e, no caso da área para break, está previsto que haxa unha cuberta protectora en forma de xeoda".

En total, o Goberno de Inés Rey prevé destinar máis de 230.000 euros a esta actuación, que tras a aprobación do proxecto avanzará a continuación cara á seguinte fase administrativa, a de licitación. Toda vez se adxudiquen as obras, o prazo de execución será de seis meses.

A alcaldesa subliñou o compromiso do Goberno municipal co barrio, onde nos últimos anos se creou un novo corredoiro verde, creouse a súa primeira pista de patinaxe, se acometeu a renovación das instalacións da pista de fútbol Cruyff Court e tamén se crearon novas prazas adaptadas no parque infantil da rúa Ribeira Sacra.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión