Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xullo de 2024

O castelo de San Antón será este domingo o escenario de ‘El perro del hortelano’, a adaptación do clásico de Lope de Vega

A compañía coruñesa Noite Bohemia protagoniza o espectáculo, unha iniciativa con acceso de balde que forma parte da programación cultural ao aire libre impulsada polo Concello nesta tempada estival

O castelo de San Antón abrirá as súas portas este domingo 7 de xullo a un clásico do século XVII, 'El perro del hortelano', unha comedia de Lope de Vega que adaptará a compañía coruñesa Noite Bohemia.

O espectáculo, que ten unha duración de 1 hora e 45 minutos, recupera a historia de Diana, condesa de Belflor, que namora do seu secretario Teodoro ao decatarse de que el busca a Marcela, unha das súas damas de compañía. Celosa e cun conflito latente entre a súa honra e o seu amor, Diana xoga cos sentimentos de Teodoro dicíndolle que si e que non, reflectindo o título da obra, 'El perro del hortelano', que nin come nin deixa comer.

Javier Fernández Mariño dirixe a adaptación do clásico de Lope de Vega, con Soraya Bello e Jacobo Lozano á fronte do elenco de protagonistas, interpretando as dúas personaxes principais, Diana e Teodoro. Laura Bello será a encargada de representar a Marcela sobre as táboas.

A función, que comezará ás 20.00 horas, terá acceso de balde, por orde de chegada e ata completar a capacidade prevista no patio interior do castelo.

A representación teatral deste domingo forma parte da programación cultural ao aire libre impulsada polo Goberno de Inés Rey nesta tempada estival, que xa arrancou motores durante o mes de xuño con, por exemplo, os concertos interpretados pola Banda Municipal de Música da Coruña no Campo da Leña e o de Tia Carroll no Festival Internacional Más Que Jazz, o pasado martes, na praza de Azcárraga.

Noite Bohemia, unha compañía con ADN coruñés

A compañía coruñesa Noite Bohemia comezou a súa andaina hai máis de 15 anos, sendo inicialmente un proxecto de teatro escolar que posteriormente deu un paso adiante para se converter nunha agrupación cunha programación estable e unha xira anual que percorre múltiples teatros do territorio nacional e tamén do estranxeiro. Entre eles, o Teatro Romano de Mérida e o Jovellanos de Xixón.

O Museo Arqueolóxico de San Antón, con novo horario ata finais de agosto

Ata o día 31 de agosto, o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón estará aberto á cidadanía de martes a sábado, en horario continuado de 10.00 a 21.00 horas. Ademais, tamén se poderá visitar os domingos e festivos, de 10.00 a 15.00 horas.

Cómpre lembrar que o despacho de billetes do Museo está aberto ata media hora antes do peche.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión