10 de maio de 2018
A intervención, na que o Concello investiu 630.000 euros, referenda o compromiso do goberno local coa recuperación do patrimonio arqueolóxico da cidade, do que tamén dan mostra as intervencións na Porta de San Miguel, Paseo das Pontes, e dende esta mesma semana, no convento de San Francisco
O alcalde, Xulio Ferreiro, acompañado por membros do goberno local, veciñanza de Elviña e figuras vinculadas á recuperación da memoria, visitou esta mañá o xacemento, unha vez concluída unha actuación “que transformou a escavación nun espazo arqueolóxico comprensible para as persas visitantes”
O Concello vén de finalizar os traballos de restauración e consolidación do histórico xacemento do Castro de Elviña. O alcalde, Xulio Ferreiro, visitou esta mañá o lugar para coñecer o resultado dunha intervención que afectou a 6.300 metros cadrados de superficie escavada, e que permitirá "recuperar e dignificar esta peza clave do patrimonio da cidade". "Hoxe, o goberno da Coruña dá recoñecemento ao patrimonio histórico e cultural da cidadanía e recupera para a veciñanza un enclave de moitísimo valor, que foi inxustamente esquecido e apartado do circuíto cultural e patrimonial ao que cómpre devolver a dignidade", apuntou o rexedor, quen estivo acompañado na visita polos concelleiros de Culturas e Rexeneración Urbana, José Manuel Sande e Xiao Varela, así como polo director do proxecto, o arqueólogo Luis Francisco López González e o arqueólogo municipal, veciñanza da zona e figuras vinculadas á recuperación da memoria, como os historiadores Felipe Senén e Xosé Alfeirán e o xornalista Manolo Rivas. O rexedor manifestou a intención do executivo municipal de facilitar o acceso da veciñanza a este enclave patrimonial, feito polo que ampliará as visitas guiadas mediante as que xa se pode acceder ao lugar, e, de cara ao outono, que quedará completamente "aberto á cidadanía" a partir do vindeiro outono. "Este é un dos nosos orgullos como cidade, polo que non entendemos que non se poida visitar de forma accesible, como por exemplo, ocorre na Torre", expuxo.
Os traballos de campo, que comezaron en setembro de 2017 e tiveron unha duración de sete meses, consistiron na consolidación e restauración dos elementos existentes, así como na ampliación da escavación en lugares puntuais para axudar a comprender as zonas abertas da estrutura. A intervención, na que o Concello investiu case 630.000 euros, "transformou a escavación nun xacemento arqueolóxico comprensible para todas as persoas visitantes", apuntou Xulio Ferreiro, xa que agora permite entender a evolución do poboado desde as fases máis antigas --século II a.C. na zona da Croa, no que o sitio ocupaba unha extensión considerable--, así como as ocupacións puntuais que tivo na ladeira sur tanto na época romana como tardorromana.
Tal e como explicou o director do proxecto, López González, tratouse "dunha actuación moi complexa" que tiña como finalidade "estabilizar os restos deteriorados dun xacemento no que se escavou desde hai moitas décadas para que perduren, así como obter máis datos dun lugar que pode trasladar moita información dos procesos que aconteceron na cidade, pero do que aínda descoñecemos parte da súa historia". Así, tras realizar unha diagnose previa das estruturas do lugar, levantáronse os recheos de intervencións anteriores e analizáronse os muros, ademais de corrixir algunhas restauracións de actuacións. A continuación, o equipo fixo réplicas dos pavimentos orixinais sobre as zonas de habitación e simulou unha reconstrución das zonas de vivenda e da muralla. O proxecto, que conta co aval do arqueólogo municipal e da Dirección Xeral de Patrimonio, contemplou tamén novas intervencións nas tres entradas documentadas do Castro, o que supuxo unha oportunidade para rematar a escavación da terceira entrada, que foi documentada no ano 2013, de cara a deixar á vista o pavimento de pedra, que presenta un bo grao de conservación, e os dous torreóns, ademais da praza de acceso.
Nestes momentos, o equipo contratado polo Concello está a desenvolver no lugar os traballos posteriores "de gabinete", que terán unha duración aproximada dun mes, e que supoñen, entre outras cuestións, a limpeza, restauración e catalogación das pezas atopadas durante a intervención. Todos os datos destes elementos pasarán a formar parte dunha Memoria Técnica que o Concello entregará á Xunta e que, a continuación, estará a disposición pública para que, calquera persoa poida consultar o resultado da actuación municipal en Elviña.
No marco da visita ao Castro de Elviña, Ferreiro manifestou que a restauración e posta en valor deste espazo "é un proxecto de cidade". "Con esta ambiciosa actuación, na que fixemos unha aposta importante a nivel orzamentario, damos continuación a outras actuacións e traballos que se levaron a cabo neste enclave en anos anteriores. O traballo de conservación e posta en valor do Castro de Elviña non pode acabar aquí, é un reto de cidade, non só deste goberno", manifestou, á vez que lamentou que os grupos da oposición non acudisen á visita, a pesar de ter sido invitados polo executivo local.
Apertura ao público
Unha vez finalizada esta intervención, a previsión do goberno local, segundo apuntou o rexedor, é poder abrir o Castro, de forma total ao público, no outono, "unha vez que se acometan pequenas intervencións que consoliden o lugar", como son a retirada da maleza na contorna e da liña de media tensión, a colocación dalgúns elementos, como sinalización e paneis explicativos ou papeleiras, e a retirada do valo, que precisa ser consultada previamente á Dirección Xeral de Patrimonio. "Estamos a falar dun proxecto de cidade, dunha intervención progresiva para que o Castro cobre a importancia popular que xa ten a nivel cultural e histórico. O goberno da Coruña quere que este sexa un xacemento vivo, no que a veciñanza poida palpar as orixes da nosa cultura, da nosa cidade, e que se poida converter nun gran parque público e lugar de lecer para a cidadanía da Coruña e da súa área metropolitana", aseverou o alcalde. "Queremos que a xente poida vir aquí, fóra dos horarios das visitas guiadas que, ademais, proxectamos aumentar. O que pretendemos é poñer en valor un enclave histórico e facilitar, ao máximo, a súa accesibilidade", explicou.
Até o outono, o Castro de Elviña seguirá aberto ás visitas guiadas gratuítas, que se poden realizar, para grupos mediante solicitude previa, ou de forma libre todos os domingos ás 12.00 horas. En horario de verán --do 1 de xullo ao 30 de setembro--, as visitas guiadas sen previa solicitude realízanse os xoves ás 19.30 horas e sábados, domingos e festivos ás 12.00 horas. O alcalde avanzou, ademais, a intención do executivo de explorar novas formas de visita, como é o caso das nocturnas, "que, como sabemos, teñen un éxito sen precedentes no cemiterio de San Amaro".
Recuperación do Patrimonio histórico
A intervención sobre o Castro de Elviña forma parte dunha serie de actuacións impulsadas pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento e por Rexeneración Urbana que, tal e como apuntou Xulio Ferreiro, "permiten poñer en valor o patrimonio histórico da cidade, e achegar á veciñanza as orixes da nosa propia cultura". Esta mesma semana o goberno local iniciou os traballos de restauración do convento de San Francisco, fundado no século XIII, e que supón, xunto á Torre de Hércules e o propio Castro de Elviña, un dos espazos arqueolóxicos de maior valor cultural do país. Localizado na parte exterior da muralla da cidade, este xacemento, vinculado á refundación da cidade no ano 1208 e que contén restos das cimentacións do convento, é un conxunto de vital importancia para comprender a evolución do municipio así como a sociedade medieval coruñesa.
A intervención, que terá unha duración aproximada de dous meses e na que o Concello investirá 40.000 euros, servirá para consolidar e restaurar tanto os muros do convento e da igrexa --a última intervención nos muros foi en 1997, se ben en 2015 houbo unha escavación de sondaxe no brazo norte da igrexa e unha restauración do pavimento desta-- como para proceder á limpeza do firme da mesma, ademais da colocación de catro módulos de paneis informativos para dar a coñecer o seu valor histórico. Coa recuperación deste xacemento --situado nunha zona próxima ao xardín de San Carlos, ao trazado da muralla e a escasos metros da porta de San Miguel--, confórmase un conxunto patrimonial de gran valor, tamén como reclamo turístico, no entorno da Cidade Vella. Estas actuacións únense tamén á recentemente finalizada restauración da Porta de San Miguel, o chamado embarcadoiro de San Antón, que se deixou á vista tras unha escavación realizada no ano 2013. Nos últimos meses, o Concello procedeu á limpar a vexetación da porta, logo de anos de abandono, así como á consolidación dos tres chanzos debaixo da porta e das zonas de rocha que así o requiriron. A intervención, encamiñada á posta en valor deste histórico espazo, tamén incluíu a habilitación de iluminación nocturna, así como a colocación dun panel explicativo.
Actualmente, o goberno local está tamén a intervir na restauración e consolidación no acueduto do Paseo das Pontes, que forma parte da Viaxe de Visma, debido ao crecemento de vexetación leñosa --provocado pola falta de limpeza en décadas-- que produciu a degradación da pedra. Os traballos, que teñen un prazo aproximado de dous meses e nos que o Concello inviste 50.000 euros, supoñen a limpeza e retirada da vexetación por parte dun equipo de restauradoras para consolidar os puntos de pedra que teñan risco de desprazamento, así como realización dunha análise exhaustiva de cara a á implantación de accións futuras que mitiguen a degradación da pedra.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible