Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de novembro de 2024

O Concello abre mañá o prazo de solicitudes para optar ás Bolsas Norteamérica, cunha oferta dun mínimo de 25 prazas para o curso educativo 2025-26

A convocatoria, dirixida ao alumnado dos centros educativos coruñeses que cursa actualmente o cuarto ano de Secundaria, permitirá que as e os beneficiarios vivan o seu primeiro ano de Bacharelato en Norteamérica

O Concello da Coruña abrirá este xoves 21 o prazo de solicitude das Bolsas Norteamérica 2025-26, que inclúe unha oferta dun mínimo de 25 prazas para que as alumnas e alumnos dos centros educativos coruñeses que cursan 4º da ESO este ano poidan darlle continuidade á súa formación en Norteamérica durante o curso 2025-26, no seu primeiro ano de Bacharelato.

A posta en marcha deste programa supuxo un fito para o Concello, que foi pioneiro na creación desta iniciativa. As bolsas permiten que o alumnado dos centros educativos coruñeses, teña, ano tras ano, a posibilidade de cursar estudos no estranxeiro, adquirindo un dominio avanzado da lingua inglesa e, de paso, coñecendo e vivindo polo miúdo a cultura e sociedade do país de acollida.

O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, lembrou que, como xa é habitual na configuración das bases da convocatoria, "o Goberno de Inés Rey ten especialmente en conta a situación socioeconómica das familias solicitantes", de aí que, tal e como se detalle nas bases, xa dispoñibles na web do Concello, haxa dous tipos de bolsa:

  • Bolsa con cobertura total: serán beneficiarias e beneficiarios as rapazas e rapaces que obteñan unha puntuación en relación á situación económica da unidade familiar nuclear comprendida entre 7 e 10 puntos.
  • Bolsa con cobertura parcial: o Concello asumirá un mínimo do 65% e un máximo do 95% do custo da praza da alumna ou alumno seleccionado. Isto quere dicir que, en ningún caso, as familias terán que achegar máis do 35% do custo da praza.

O prazo de inscrición pecharase o mércores 4 de decembro

Borrego abundou hoxe nos principais detalles do programa e da cobertura que ofrece. A estadía en Norteamérica durante o período correspondiente ao ano académico, tamén a tramitación e obtención do visado de entrada no país. Ademais, a bolsa inclúe as viaxes de ida e volta desde A Coruña á poboación de destino, asistencia sanitaria e 120 euros mensuais durante os meses de estadía, en concepto de axuda á manutención.

"Ademais, haberá unha achega de 400 euros para o alumnado con menos recursos económicos", agregou o concelleiro. Esta achega avaliarase previamente polos servizos sociais municipais.

As solicitudes poderán presentarse a partir de mañá, xoves 21 de novembro, e ata o mércores 4 de decembro, ambos os días incluídos.

O primeiro paso será cubrir unha ficha específica de inscrición a través da web de Educación, que deberá presentarse posteriormente, acompañada por toda a documentación requirida, a través dos rexistros oficiais do Concello.

Cómpre lembrar que este mércores xa se publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o extracto coas bases da convocatoria, dispoñible aquí para a súa consulta.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión