10 de novembro de 2024
A concelleira Noemí Díaz subliñou a importancia de reforzar as medidas de seguridade viaria e calmado do tráfico “en toda a paisaxe urbana, máis aínda nos puntos onde os fluxos de tránsito peonil son máis marcados”
O Concello da Coruña avanza estes días nos traballos de mellora que se están a executar en diversos puntos dos barrios de Matogrande e Durmideiras, onde a instancias das peticións veciñais xa se está a intervir nas rúas Sebastián Martínez Risco e Juan Sebastián Elcano, para ampliar ou remodelar percorridos peonís en ambos os casos.
A rúa Sebastián Martínez Risco, que discorre fronte ao centro educativo Liceo La Paz, xa foi obxecto de intervención semanas atrás, cando as e os profesionais do servizo municipal de Mobilidade lle deron luz verde á reordenación viaria da rúa para que pasase a ser, parcialmente, de sentido único, a través dun só carril, ata o cruzamento coa rúa Luis Quintas Goyanes.
Esta medida levouse a cabo en agosto para simplificar e desconxestionar este treito, tras avaliar as necesidades existentes neste punto de Matogrande, tanto no referente á seguridade peonil como no tocante aos intensos fluxos de tráfico rodado, circunstancias derivadas, en boa parte, polas entradas e saídas ao colexio Liceo La Paz.
Desta forma, ao reconfigurar este sector de Sebastián Martínez Risco a un só carril de circulación, tamén se gañou superficie para incrementar espazos de estacionamento, en batería, ata case 60, máis do dobre dos que había anteriormente. "Agora, completamos esta intervención dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa veciñanza, ampliando a beirarrúa e facendo máis accesibles os pasos peonís da contorna", apuntou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Os traballos, que previsiblemente continuarán ata os días previos ás datas de Nadal, suporán un investimento de 175.000 euros.
Melloras de accesibilidade no barrio de Durmideiras
En paralelo ás melloras en Matogrande, o Concello tamén está a actuar na outra punta da cidade, no barrio de Durmideiras.
Concretamente, na rúa Juan Sebastián Elcano, onde se está a ampliar a beirarrúa e a mellorar a accesibilidade no paso peonil que dá acceso a unha área de estacionamento regularizada polo Concello este mesmo verán entre Juan Sebastián Elcano, o paseo dos Menhires e a rúa Regata Cutty Sark, nun punto onde o tránsito peonil é habitual, xa que moi preto de alí están o centro de saúde e tamén o IES de Durmideiras.
"Na cidade, as e os protagonistas da mobilidade deben ser as peoas e os peóns. Por iso, promover medidas de seguridade viaria é importante en toda a paisaxe urbana, máis aínda nas zonas onde estes fluxos son máis marcados, como é este sector de Juan Sebastián Elcano", incidiu Noemí Díaz, que lembrou que, semanas atrás, e seguindo esta mesma filosofía, tamén se mellorou a accesibilidade e se elevou o paso peonil que dá acceso á residencia de terceira idade Torrente Ballester, na rúa Manuel García Canzobre, por onde pasan a diario veciñas, veciños e familiares das persoas residentes.
12 de novembro de 2024
30 de outubro de 2024
18 de outubro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible