22 de marzo de 2024
Modificarase o pavimento proposto e introduciranse ramplas de acceso nos tres portais e contedores para a recollida de lixo tamén en cada un deles
O Concello dará continuidade ás obras de reforma que se están a executar na contorna das Casas de Franco. O proxecto, que foi presentado en novembro do ano pasado ás comunidades de propietarios, será agora modificado, pois unha vez iniciados os traballos xurdiron novas peticións veciñais que na súa meirande parte serán atendidas.
Así, as obras continuarán descartando o pavimento inicialmente previsto de pavicéspede, que será substituído por outros materiais. Asimesmo, os traballos incluirán, tal e como solicitaban os veciños, novas ramplas de acceso a cada un dos tres portais, que tamén contarán, cada un deles, con contenerización propia. Ademais, estase a estudar a reformulación das prazas de aparcamento na contorna para poder pasar zonas en liña a zonas en batería e deste forma compensar a incidencia no aparcamento que ten a obra.
Ademais, o parterre previsto na fronte da rolda de Outeiro, que foi no seu día unha reclamación dos veciños, finalmente quedará á altura da plataforma de estancia. Dita plataforma, que tamén diminúe en altura con respecto ao inicialmente previsto, quedará cunha altura aproximada de 40 centímetros, un requisito esixido polo Reglamento Electrotécnico de Baixa Tensión, xa que é precisa a instalación de novas conduccións eléctricas e a existencia dun aparcamento soterrado fai imposible levalas baixo terra, xa que afectaría ao forxado.
As actuacións contan cun orzamento de 470.000 euros e suporán a reurbanización dunha zona degradada na que se introducirán novas zonas verdes e espazo de uso público con novo firme.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible