12 de decembro de 2024
A alcaldesa, Inés Rey, asinou hoxe o convenio que posibilitará a inclusión da Coruña no proxecto Spot4Dis, sustentado en tecnoloxía satelital e IA, Street View e Google Maps para mapear os estacionamentos para persoas con mobilidade reducida.
A alcaldesa, Inés Rey, e o tesoureiro da Asociación de Personas con Movilidad Reducida (AsoPMR), Danilo Francesca, asinaron este xoves o convenio de colaboración que permitirá a inclusión da Coruña no proxecto piloto Spot4Dis, unha iniciativa que se desenvolverá en cinco cidades europeas co obxectivo de facilitar a identificación e acceso ás prazas de estacionamento PMR mediante a tecnoloxía satelital, Street View e IA.
O uso desta tecnoloxía será posible grazas ao apoio que dá Google.org a este proxecto, concibido pola AsoPMR coa finalidade de darlle unha información de utilidade ás persoas con mobilidade reducida e mellorar a súa autonomía e calidade de vida. Neste sentido, Spot4Dis foi unha das propostas gañadoras do concurso Google Impact Challenge: Tech for Social Good, captando 1,5 millóns de euros en financiación, así como o apoio técnico de Google.org.
No acto de sinatura que tivo lugar hoxe en María Pita, Rey puxo en valor o feito de que A Coruña sexa unha das cinco cidades beneficiadas pola posta en marcha deste proxecto, "que permitirá reforzar a nosa política de melloras da accesibilidade nos espazos públicos". Ademais da Coruña, haberá outras tres urbes españolas -Valencia, Zaragoza e Badajoz- e unha italiana, Génova.
A este respecto, o Concello colaborará coa AsoPMR e Google.org facilitando a súa base de datos das prazas PMR xa habilitadas, así como tamén das previstas a futuro, e a normativa municipal vixente neste eido. Rey apuntou que, a maiores, o Concello levará a cabo campañas de sensibilización e eventos abertos á cidadanía "para concienciar sobre a importancia desta medida e asesorar as persoas susceptibles de usar esta nova tecnoloxía, que nos dará un pulo fundamental en clave de accesibilidade urbana".
A rexedora, acompñada hoxe pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, lembrou que, pouco a pouco, a cidade vai avanzando para facer máis visibles as prazas PMR. "Estamos traballando para que a bolsa de prazas existente se adapte á realidade actual da nosa cidade, contando cunha dotación adecuada en puntos específicos como as instalacións sanitarias, residencia da terceira idade, centros cívicos e centros de día", explicou, poñendo como exemplo os espazos que se sumaron recentemente na rúa San Francisco, tras o hospital Abente y Lago.
A Coruña ábrese camiño no escenario da IA
Durante o acto de sinatura tamén interveu, por videoconferencia, o director de Relacións Institucionais e Políticas Públicas de Google España, Miguel Escassi, que destacou a necesidade de que "a Intelixencia Artificial sexa unha oportunidade que non só redunde no económico, senón que represente avances sociais e que non deixe ninguén atrás".
Escassi subliñou a aposta de Google pola innovación e, en concreto, por proxecto pequenos mais que se identifican como escalables. Ademais, o directivo de Google expuxo que no feito de que A Coruña fose unha das cinco cidades elixidas para o proxecto piloto tamén tivo que ver a próxima apertura da Axencia Española para a Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), identificando a cidade herculina como "un ecosistema emerxente da IA".
Na videoconferencia desta mañá tamén participou o presidente de AsoPMR, Carlo Castellano, que visitará A Coruña proximamente.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible