30 de abril de 2024
A fase de probas arrincou a semana pasada coa apertura inicial da nova aplicación móbil a un milleiro de usuarios de iOS. Este cupo cubriuse en só 24 horas, sen que se rexistrasen incidencias técnicas ata o momento
O Concello amplía a máis usuarios a fase de probas previa á implantación da aplicación móbil que permitirá pagar o transporte urbano mediante códigos QR. Esta iniciativa, impulsada polo Goberno de Inés Rey a semana pasada, comezou coa apertura temporal do novo sistema a un milleiro de usuarios de iOS, cupo que se cubriu en só 24 horas, sen que se detectasen incidencias.
Por iso, este martes ampliouse o cupo a outras mil persoas máis, usuarias de dispositivos iOS, co obxectivo de seguir testeando progresivamente o funcionamento da aplicación de cara á súa implantación definitiva. Toda vez remate a fase de probas, en aproximadamente un mes, a aplicación estará operativa tanto para iOS como para Android.
Neste sentido, co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas usuarias, tamén se creou un apartado específico na APP Coruña onde comunicar as posibles incidencias que se detecten á hora de proceder aos pagamentos nas terminais dixitais dos autobuses. Nesta fase, a comunicación de incidencias mediante a aplicación é fundamental para detectar posibles erros e deseñar a versión definitiva da app.
Cómpre lembrar que, ademais dos métodos de pago dixitais, as persoas usuarias do transporte urbano tamén poden usar a tarxeta Millennium en formato físico para aboar o custo dos billetes.
A activación da tarxeta virtual para dispositivos iOS, na APP Coruña
As persoas usuarias do transporte urbano que desexen realizar o pago dos billetes con dispositivos iOS mediante a lectura de códigos QR deberán configurar a súa tarxeta virtual Coruña Millenium na APP Coruña. Para isto é preciso, en primeira instancia, darse de alta ou contar previamente cun perfil de usuario ou usuaria na propia app cidadá.
Para proceder á instalación da tarxeta virtual Coruña Millenium, as e os usuarios con dispositivos iOS que a proben deberán clicar no icono 'Autobús' do menú principal da app, e configurar a tarxeta virtual na sección 'Tarxetas de transporte'. Cómpre lembrar que, entre as melloras incluídas nesta actualización para iOS, está a da posibilidade de realizar recargas dun mínimo de 5 euros, mediante o uso dunha tarxeta bancaria de crédito ou débito, de calquera entidade e sen comisións para o usuario.
Á hora de realizar o pago mediante a lectura de código QR, a ou o usuario poderá proceder á operación achegando o seu dispositivo móbil ao lector instalado en todas as cabinas de acceso das liñas de autobús urbano. No procedemento de pago, a persoa usuaria poderá aboar o custo de ata cinco billetes como máximo.
Como medida de carácter auxiliar, o Concello habilitou na APP Coruña un tutorial QR para orientar ás persoas usuarias con dispositivos iOS á hora de realizar os pagos no transporte urbano.
O tutorial especifica, por exemplo, como xerar o código QR desde a app e, posteriormente, como colocar o móbil fronte á maquina de validación do autobús á hora de escanear o código.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible