Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xullo de 2024

O estudo incluirá a elaboración do Plan de Mobilidade urbana da cidade

O Concello aproba a elaboración do Estudo do Transporte Urbano da Coruña que permitirá a licitación do novo servizo de transporte

O voceiro municipal, José Manuel Lage, explicou as principais características dun proceso que contará cun investimento de 500.000 euros para definir a futura oferta municipal de transporte

O voceiro municipal e concelleiro de Economía e Proxectos Estratéxicos, José Manuel Lage, anunciou esta mañá a aprobación do prego de prescricións técnicas para a elaboración do Estudo do Transporte Urbano da Coruña, que definirá o futuro do servizo municipal de autobuses. Unha vez adxudicado, os traballos de elaboración deste informe prolongaranse durante oito meses e contan cun orzamento de 498.854 euros.

"Este foi un dos compromisos de investidura que adquiriu a nosa alcaldesa, Inés Rey, o pasado ano e tamén se comprometeu hai un mes, no seu balance de xestión, a licitalo antes de rematar o 2024", sinalou José Manuel Lage durante a súa intervención. O obxectivo deste estudo é definir "da maneira máis detallada posible" o modelo de transporte urbano do futuro da cidade, "a curto, medio e longo prazo".

Para a elaboración deste traballo disporase de toda a información municipal relacionada coa mobilidade que está a disposición do Concello e doutras administracións que traballan no ámbito da cidade. Teranse en conta parámetros urbanos e de tráfico actuais, o desenvolvemento urbanístico presente e futuro e outras variables e servizos municipais como BiciCoruña e o seu impacto sobre o tráfico. "Este será un proceso aberto á cidadanía e ás súas achegas, que dará resposta ás necesidades actuais e futuras do servizo", indicou Lage quen destacou que o estudio inclúe a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana.

Sete fases para a elaboración do estudo

O voceiro municipal detallou as principais características e fases nas que se desenvolverá este estudo do transporte urbano unha vez o contrato sexa adxudicado. Como incidiu durante a súa intervención, "o proceso está baseado na construción de grandes acordos e consensos, algo que caracteriza ao Goberno de Inés Rey", polo que a primeira fase será precisamente na que se levará a cabo un proceso de participación cidadá na que estarán involucrados todos os coruñeses e coruñesas que o desexen e os principais axentes sociais implicados. Abordaranse as características do servizo actual, así como as principais necesidades de futuro.

A segunda fase consistirá nunha análise pormenorizada da cidade, o seu tráfico e o seu sistema de transporte actual, formulando unha predición da súa evolución durante os próximos 15 anos. Para isto, teranse en conta factores como a posta en funcionamento da futura estación intermodal, o crecemento de servizos de mobilidade alternativos coma BiciCoruña ou o desenvolvemento urbano en diferentes puntos da cidade. "O obxectivo é contar cunha imaxe fiel das características da cidade e o seu tráfico, así como dos cambios previstos", precisou Lage, que quixo destacar que será o primeiro estudo que analice en profundidade o impacto das bonificacións impulsadas polo Goberno de Inés Rey nas tarifas do bus urbano.

A terceira fase consistirá nunha diagnose do transporte e da situación actual do tráfico mediante a análise de diferentes datos e da realización de enquisas a un mínimo de 4.000 persoas, permitindo dispoñer dunha análise máis detallada da situación actual da mobilidade urbana e do transporte público.

A cuarta fase será na que se exporán as diferentes opcións de modelos de transporte público. Haberá, polo menos, tres alternativas: o mantemento do sistema actual coa incorporación de melloras puntuais, a remodelación parcial da rede incorporando novos itinerarios e o deseño dunha nova rede de transportes. Manexaranse tres horizontes temporais: 2025, 2030 e 2035. "O obxectivo disto é que o noso servizo sexa o ideal en cada un deses anos", indicou Lage.

A quinta fase, e unha vez escollido o modelo idóneo para a cidade e o seu desenvolvemento futuro, consistirá na elaboración dunha primeira proposta da nova oferta do transporte público coruñés. "Neste punto seremos o máis minuciosos posibles para non deixar ningún fío solto e poder presentarlle á cidadanía un modelo de transporte urbano de calidade e que ofreza un servizo óptimo aos diferentes barrios, aos que xa estaban, aos máis recentes como Novo Mesoiro ou Xuxán e aos futuros", indicou o voceiro municipal.

A sexta fase será a análise xurídica e o estudo económico-financeiro de dita oferta de transporte público e a sétima e última será a redacción dun proxecto técnico definitivo do novo servizo para a súa implantación. "Desde o Goberno de Inés Rey estamos levando a cabo un traballo minucioso para que A Coruña conte cun dos mellores servizos de transportes públicos e urbanos do país", sinalou José Manuel Lage.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión