Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

28 de diciembre de 2023

Ademais, hoxe ratificouse de forma definitiva a constitución da sociedade xestora da Cidade das TIC, unha entidade 100% pública participada polo Concello e a UDC a un 51 e 49%, respectivamente

O Concello da Coruña aproba definitivamente os orzamentos do 2024: 375 millóns de euros que entrarán en vigor o 1 de xaneiro

O Pleno municipal deu luz verde este xoves a unha addenda ao convenio interadministrativo polas obras na estación intermodal, que suporá unha ampliación do aparcadoiro subterráneo, que pasa de 350 a 575 prazas

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión extraordinaria do Pleno municipal, no que se deu luz verde á aprobación definitiva dos Orzamentos Municipais do 2024.

Na sesión plenaria, o concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, puxo en valor que "A Coruña disporá o ano próximo dos maiores orzamentos aprobados polo Concello, 375 millóns de euros que non só supoñen a maior cifra destinada a investimentos e ao escudo social na cidade, senón que tamén é o maior orzamento co que contou nunca unha cidade galega".

Lage analizou polo miúdo as principais liñas estratéxicas dos Orzamentos Municipais 2024, e detívose especialmente a avaliar as actuacións de protección e promoción social, que no 2022 contaron con investimentos por valor de 36.563.599 euros. "No 2024, esa contía ascenderá a 41.423.326 euros. Ningún concello en Galicia ofrece o nivel de cobertura social e protección que ofrece este Concello, e ningún Goberno apostou tanto como o de Inés Rey por contar cun paraugas social da magnitude do noso", expuxo.

Entre o abano de programas municipais adscritos á Área de Benestar Social destaca, por exemplo, o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), que xa subira en 2,5 millóns de euros no 2022, e, agora volve experimentar un incremento de 1,5 millóns de euros, ata superar a cifra dos 10 millóns de investimento anual.

Máis de 93 millóns en investimentos directos nos barrios

Os Orzamentos Municipais de cara ao ano 2024 contemplan unha atención directa ás necesidades dos barrios da Coruña, con investimentos que chegarán aos 93,5 millóns de euros -75 millóns incluídos no capítulo de investimentos reais e 18 correspondentes a transferencias para distintas obras-.

A este respecto, o voceiro do Goberno municipal incidiu hoxe no Plan de humanización e investimentos nos barrios, para o que se estima unha partida de 26 millóns de euros. 

A través desta iniciativa, o Concello prevé acometer a creación de novas áreas verdes como o parque do Vixía, en Monte Alto, o futuro parque de Monte Martelo, no Martinete, e a posta en marcha da segunda fase de recuperación do parque de Santa Margarida. Á vez, avanzar tamén nas humanizacións e actuacións urbanísticas para ampliar a Rolda Peonil. Ademais, as melloras peonís previstas de cara ao ano que vén tamén inclúen, por exemplo, a humanización e reurbanización de enclaves como os Cantóns e a rúa de Santo André.

Máis fondos para o tecido asociativo e o Consorcio para a Promoción da Música

A contía definitiva dos Orzamentos Municipais para o exercicio que vén, 375.479.793,50 euros, experimenta un incremento de 400.000 con respecto ao expediente que recibiu o visto e prace inicial do Pleno a finais de novembro. Este incremento dáse a consecuencia da revisión dos ingresos previstos. Tras acadar un acordo co BNG, a dita contía distribuirase en distintas melloras.

Lage abundou nos detalles asociados a esta variación: "Os ditos fondos irán destinados a dotar de convenios nominativos ou a aumentar lixeiramente algún deles a doce entidades sociais, deportivas e culturais. Ademais, o orzamento para o Consorcio para a Promoción da Música pasa dos 3,3 millóns de euros previstos a 3.550.000 euros".

Neste sentido, cómpre lembrar que a contía total dos recursos municipais de cara ao vindeiro ano elevarase ata os 405 millóns de euros se se inclúen, ademais, os organismos e empresas municipais: Emalcsa, EMVSA e o IMCE.

575 prazas de estacionamento na estación intermodal

Ademais, este xoves, o Pleno municipal aprobou unha addenda ao convenio rubricado en marzo do ano pasado polo Concello, a Xunta e o ADIF, que especificaba as contribucións e obrigas, para os elementos comúns e para a futura terminal de autobuses da estación intermodal de San Cristovo.

A modificación que se aprobou hoxe no Pleno supón un incremento na dotación de espazos públicos de estacionamento na estación intermodal da Coruña, que segundo o formulado inicialmente ía contar cun aparcadoiro subterráneo dotado con 350 prazas de estacionamento.

O Concello, despois de analizar o servizo e tendo en conta as obras de reurbanización que tamén permitirán mudar a fachada da avenida da Sardiñeira, considerou que era preciso aumentar a cabida do dito estacionamento para permitir o seu emprego non só polas persoas usuarias da estación, senón tamén polas residentes no barrio dos Mallos e, en termos xerais, pola cidadanía. Por esta razón, construirase finalmente un aparcadoiro cun total de 575 prazas de estacionamento.

A ampliación do aparcadoiro suporá unha modificación nas obras previstas e tamén no seu financiamento, que se incrementa, polo que foi preciso modificar o convenio entre administracións asinado no ano 2022 para darlle cabida. Foi esta addenda ao convenio a que se levou hoxe a debate no Pleno e foi finalmente aprobada.

As obras da estación intermodal suporán un desembolso total de 14 millóns de euros. Desa cantidade, 9 millóns sairán dun convenio asinado co Estado para lle facilitar ao Concello facer fronte aos seus compromisos, cartos que xa foron ingresados polo Estado na Tesourería municipal. A este respecto ADIF asumirá o sobrecusto íntegro da ampliación do aparcadoiro, 1.857.385,93 millóns de euros.

Cómpre lembrar, neste sentido, que o Goberno de Inés Rey xa instou á Xunta a implicarse tamén na mellora da intermodal incorporando un segundo acceso, tal e como demanda o Concello para evitar futuros problemas de tráfico.

Constitución da sociedade xestora da Cidade das TIC

Tamén hoxe, e dando continuidade aos asuntos relativos á parte resolutiva do Pleno, aprobouse de forma definitiva, e por unanimidade, a constitución da sociedade xestora da Cidade das TIC, unha entidade 100% pública que contará cun capital social de 660.000 euros e na que o Concello conta co 51% das participacións e achega a UDC o 49% restante.

José Manuel Lage lembrou na súa intervención que "para a constitución da sociedade pública de xestión contamos coas achegas de todos os grupos, a través da comisión constituída para tal efecto".

"A Cidade das TIC concitou sempre un apoio unánime e así ten que seguir sendo así. É, ademais, un claro exemplo do espírito que desde o primeiro minuto defendeu este Goberno, o da colaboración institucional plena. O Concello, a UDC, a Xunta e o Estado foron quen de poñerse de acordo para impulsar un importante investimento en beneficio da cidade. Os resultados do impulso dado xa están á vista, coas primeiras naves xa rematadas", agregou.

Aprobación definitiva das ordenanzas fiscais de cara ao vindeiro exercicio

Tamén este xoves, o Pleno municipal rubricou a aprobación definitiva da actualización de 29 ordenanzas fiscais municipais, unha actualización que xa recibira luz verde, de forma inicial, na sesión plenaria de novembro.

Lage lembrou hoxe que "a maior parte das ordenanzas ficaban sen actualizar desde o ano 2013, pero habíaas tamén coas mesmas tarifas desde o ano 2009". Por iso, o voceiro do Goberno municipal avogou pola modificación da política fiscal vixente, "cunha perspectiva xusta e redistributiva, buscando dotar o Concello dos recursos precisos para a correcta prestación dos servizos públicos".

Neste sentido, entre as modificacións aprobadas, figura a do IBI, que incorpora un recargo das vivendas desocupadas, que será dun 50% para os inmobles que permanezan baleiros por un prazo superior a dous anos e pertenzan a titulares con catro ou máis inmobles de uso residencial. Esta modificación ten como principal obxectivo mobilizar o parque de vivendas baleiras na cidade.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión