Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de novembro de 2023

A folla de ruta para as vindeiras semanas contempla a ampliación do ramal de subida da AC-10 a Eirís, así como o pavimentado do novo aparcadoiro público próximo a Sebastián Martínez Risco, con 28 prazas

O Concello da Coruña completa as obras da praza central de Xuxán e avanza nas conexións con Matogrande

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe o desenvolvemento dos traballos, centrados actualmente na construción do paso en ‘U’ coa rúa Juan Díaz Porlier e o falso túnel sobre a liña ferroviaria

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá as obras de urbanización que está a executar o Concello da Coruña no barrio de Xuxán, unha intervención sufragada con máis de 11 millóns de euros e que encara a súa recta final, tras iniciarse os traballos en xaneiro do ano pasado.

Neste sentido, a rexedora avanzou a "próxima apertura" da nova praza central do barrio, un espazo cunha superficie de 12.500 metros cadrados que conta cunha grande explanada "idónea para a programación de eventos públicos", así como unha área de xogos infantís onde xa se habilitou un tobogán de seis metros de altura, unha tirolesa e unha gran pérgola.

"O obxectivo", continuou Rey, "é que a praza estea aberta e á disposición da cidadanía antes das festas de Nadal". A este respecto, xa remataron os traballos asociados á posta en servizo da iluminación pública. Tamén concluiron as obras de pavimentado e xardinaxe, polo que só resta por dispoñer o mobiliario urbano -en trámites de recepción- para completar esta intervención e deixar a praza plenamente operativa para os veciños.

Na visita á praza, a alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, así como polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.

O estado actual das conexións entre Xuxán e Matogrande

Avanzan tamén as obras para dar forma ao novo enlace, en forma de 'U', que permitirá o paso de peóns, ciclistas e vehículos desde a rúa Juan Díaz Porlier cara á nova praza central de Xuxán.

A intervención, que comezou a inicios de outubro, continuará a vindeira semana con traballos nocturnos, que implicarán a montaxe das pezas prefabricadas para dispoñer os piares en ambos os lados, os de Xuxán e Matogrande. "Tamén se está a coordinar con ADIF cando acometer a instalación das vigas. Para isto é preciso que ADIF facilite cortes de vía en horario nocturno. Estamos traballando para avanzar isto o antes posible", dixo Rey.

Os seguintes pasos no falso túnel: impermeabilización e recheo

Ademais do paso en 'U' con Juan Díaz Porlier, o Concello tamén está a construír un falso túnel de 70 metros de lonxitude sobre as vías férreas, que na súa superficie será unha gran zona verde e incluirá unha senda peonil que facilitará o paso de viandantes e ciclistas entre ambos os barrios.

Este falso túnel cobre un tramo da vía do ferrocarril e permite tamén a unión, peonil e ciclable, os dous barrios. Unha vez que se completen os traballos, será posible ir a pé ou en VMP entre as rúas Sebastián Martínez Risco -en Matogrande-, A Canteira, Cernadas e Longarela -en Xuxán- e a propia avenida de Xuxán a través dun novo espazo axardinado.

A alcaldesa detallou hoxe en que punto está a intervención. O seguinte paso "implica traballos de impermeabilización e recheo. Para isto é necesario que se encadeen varios días sen choiva, exactamente igual que para darlle forma ao firme de formigón da rúa paralela á vía do ferrocarril", expuxo Rey durante o percorrido polo barrio.

Entre as novas infraestruturas, un aparcadoiro con 28 prazas

En paralelo á construción destas dúas novas conexións, tamén continúan as obras necesarias para a dotación de servizos urbanos (redes de saneamento) e para a creación de novas infraestruturas compartidas entre Xuxán, Matogrande e Eirís.

A folla de ruta prevista de cara aos vindeiros días inclúe traballos para a ampliación do ramal de subida da AC-10 a Eirís, así como melloras na propia glorieta de Eirís. Tamén se prevé acometer proximamente a pavimentación da vía paralela ao ferrocarril -susceptible de incluír un treito de carril bici-.

Ademais, tamén se rematarán proximamente as obras de pavimentación no novo aparcadoiro próximo ao centro educativo Liceo La Paz, non moi lonxe do falso túnel, que dotará a zona próxima á rúa Sebastián Martínez Risco de 28 novas prazas para o estacionamento de vehículos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión