Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de febreiro de 2016

O Concello da Coruña condena a agresión homófoba de Compostela

A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, chama a cidadanía a “colaborar activamente para erradicar este tipo de violencias”, e recorda o traballo que está a facer o Goberno local neste eido co programa ‘Coruña, libre de Violencias Machistas’

O Concello da Coruña condena de forma rotunda a agresión homófoba que tivo lugar esta semana en Compostela. Segundo explica a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, “estes ataques tamén son violencias machistas e actos de odio á diversidade sexual e á opción das persoas a vivir unha sexualidade diferente da norma establecida”. A responsable municipal recorda que o ano pasado, “dos 50 delitos de odio así clasificados na provincia da Coruña, 41 estiveron asociados á orientación sexual ou a identidade de xénero das persoas agredidas”.

Fraga indicou que tanto dende a súa área e Goberno como dende o propio Concello “estase a traballar con diferentes axentes sociais co obxectivo de eliminar este tipo de violencias homofóbicas na nosa cidade, por ser un grave atentado aos dereitos humanos das persoas e as liberdades sexuais de cada quen”. A concelleira salientou o programa Coruña, libre de Violencias Machistas que incide “na educación, na sensibilización, e tamén no artellamento de protocolos e itinerarios de intervención efectivos”.

A Concellería de Igualdade traballa tamén de xeito especialmente activo co persoal municipal e, en concreto, cos corpos de seguridade, “para incluír a xestión da diversidade, tamén da sexual, dende unha base de igualdade e respecto ás diferencias, e como principio ético dunha cidade libre de violencias machistas”. A titular de Diversidade insiste na necesidade da concienciación cidadá como fórmula para evitar este tipo de agresións. “Aínda hoxe existe un grande estigma asociado á homosexualidade que explica que moitos casos de violencia homofóbica non sexan denunciados”. “Por iso, o Concello chama á cidadanía a colaborar activamente na erradicación deste tipo de violencias, dando un paso á fronte e denunciando este tipo de agresións”, manifesta Fraga.

Por último, a Concellería de Igualdade e Diversidade convida a toda a cidadanía a sumarse ás iniciativas de repulsa e tolerancia cero coas violencias machistas e a homofobia que están convocadas para os vindeiros días nas cidades da Coruña, Compostela e Vigo.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión