21 de setembro de 2022
Inés Rey: “O noso compromiso co transporte público queda claro, gustaríanos que a Xunta tivese a mesma implicación e colaborase na subvención para que os descontos fosen aínda maiores”
Os e as estudantes que hoxe pagan 52 céntimos por viaxe pasarán a pagar 21 céntimos desde o 3 de outubro
A colaboración entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña permitirá que desde o vindeiro 3 de outubro, e por primeira vez na historia da institución educativa, a práctica totalidade dos seus e das súas estudantes gocen dunha bonificación para o transporte público que reducirá o prezo da viaxe en bus un 60 % sobre a tarifa en vigor.
Os estudantes da UDC que se despracen ate os campus de Elviña, A Zapateira e Oza, empregando as liñas universitarias, 24 e 2-A -así como as viaxes de orixe noutras liñas con transbordo a estas-, pagarán 21 céntimos por traxecto, sumándolle a bonificación estatal a todo o transporte público en vigor na Coruña desde o 1 de setembro. Tamén se prevé, en función da demanda, a inclusión doutras liñas que poidan chegar a Riazor.
Así o explicaron esta mañá en comparecencia conxunta a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o reitor da UDC, Julio Abalde, que estiveron acompañados polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, e pola vicereitora da Universidade da Coruña, María José Lombardía. As bonificacións aplicaranse en virtude dun convenio asinado entre as dúas partes, cunha achega de 250.000 euros por cada unha delas e unha vixencia de dous cursos académicos (2022-23 e 2023-24).
"Esta medida que hoxe anunciamos entra dentro da nosa política de favorecer unha mobilidade accesible, segura e saudable. Apostamos polo uso do transporte público entre o alumnado universitario na cidade da Coruña, que na actualidade emprega, en gran medida, o vehículo propio para os seus desprazamentos aos centros de ensino", sinalou a alcaldesa, Inés Rey. Desta forma, o Goberno municipal e a UDC universalizan un desconto no transporte universitario que, ata o momento, só era accesible mediante o sistema de bolsas anuais e para uns 1.500 estudantes e que agora chega á práctica totalidade dos matriculados.
A alcaldesa recordou que ademais da bonificación anunciada hoxe, na Coruña aplícanse rebaixas extraordinarias en todas as tarifas do bus urbano desde o pasado 1 de setembro, grazas ao desconto do 30% aprobado polo Goberno municipal con fondos do Estado. Ese desconto podería chegar ao 50% segundo as bases da convocatoria, coa posible aportación do 20% adicional por parte das comunidades autónomas. "O noso compromiso coa transporte público queda claro, e gustaríanos que a Xunta de Galicia tivese a mesma implicación e colaborase na súa subvención, para que os descontos fosen aínda maiores", detallou a rexedora, quen recordou que o Concello solicitou á Xunta en agosto a colaboración para abaratar o transporte urbano sin obter resposta á súa demanda.
A aplicación da bonificación ás viaxes en bus do alumnado universitario
A estimación do Goberno municipal e a Universidade da Coruña é que esta medida beneficiará a preto de 12.000 estudantes matriculados e matriculadas na UDC. Os estudantes que hoxe pagan 52 céntimos por viaxe pasarán a pagar 21 céntimos desde outubro.
Para acceder a esta nova bonificación, froito da colaboración entre o Concello da Coruña e a UDC, os estudantes que xa teñen a tarxeta Millenium terán que acudir a un caixeiro da entidade bancaria Abanca para activar o perfil universitario, paso tras o cal xa poderán contar, ao día seguinte da activación, co desconto en cuestión. Porén, os estudantes que non dispoñan aínda da tarxeta Millenium deberán solicitala nos cauces habituais (rexistros municipais; Centro Sociocultural Ágora; Oficina de Atención Municipal da Estación de Autobuses) para, posteriormente, activar tamén o seu perfil universitario.
Ademais, proximamente, estará dispoñible a app da tarxeta Millenium para todas aquelas persoas que desexen dispoñer das súas vantaxes por vía dixital.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible