14 de abril de 2025
A cidadanía poderá descubrir a historia e o patrimonio arqueolóxico da Coruña os días 19 e 20 de abril en dúas actividades gratuítas con prazas limitadas
O Concello da Coruña ofrece durante esta Semana Santa dúas visitas guiadas gratuítas dirixidas á cidadanía co obxectivo de achegar o patrimonio histórico e arqueolóxico da cidade a todas as persoas interesadas.
O sábado 19 de abril, ás 12.00 h, terá lugar unha visita ao Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, situado no castelo de San Antón. A actividade, cunha duración aproximada de 1 hora e 15 minutos, permitirálles ás persoas participantes descubriren a historia da fortaleza, a súa arquitectura e os distintos usos que tivo ao longo do tempo, desde enclave militar e prisión ata a súa conversión en museo no ano 1968. A visita inclúe o percorrido pola planta alta da Casa do Gobernador, onde se atopa a sección de historia, e pola planta baixa, onde se expón a colección arqueolóxica desde a prehistoria ata a romanización.
O domingo 20 de abril, tamén ás 12:00 h, será a quenda do Castro de Elviña. O grupo reunirase na entrada do castro 5-10 minutos antes do comezo do percorrido, que se prolongará durante aproximadamente 1 hora e 30 minutos. As persoas asistentes poderán coñecer a estrutura urbanística do castro, as súas construcións, o contorno natural e os modos de vida da súa poboación, así como a historia das escavacións realizadas desde 1947 ata a actualidade. Durante a visita tamén se abordará o estudo dos materiais recuperados no xacemento e que se atopan actualmente expostos no Museo de San Antón.
Ambas as visitas son de balde e contan cun número limitado de 25 prazas por sesión. É necesaria reserva previa, que poderá realizarse a partir do luns 14 de abril chamando ao teléfono do Museo: 981 189 850.
Estas actividades, que forman parte do compromiso municipal coa posta en valor do patrimonio histórico da cidade, encádranse nas iniciativas culturais promovidas polo Goberno de Inés Rey para favorecer o acceso á cultura e ao coñecemento da historia local.
22 de abril de 2025
22 de abril de 2025
20 de abril de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible