Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xullo de 2024

O decreto entrará en vigor esta tarde ás 15.41 horas, 72 horas despois de que a empresa recollese o requirimento

O Concello decreta a emerxencia sanitaria na cidade pola crecente acumulación de lixo sen recoller

A alcaldesa anunciouno unha vez superado o tempo marcado por lei para que a concesionaria corrixira as deficiencias no servizo

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou esta mañá en rolda de prensa que a empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo non corrixiu a crecente acumulación de lixo sen recoller nas rúas e, polo tanto, o Concello decretará a emerxencia sanitaria na cidade co obxectivo de que outra empresa se faga cargo da recollida ata normalizar a situación. A declaración farase efectiva esta tarde, ás 15.41 horas, momento no que se cumplirán 72 horas desde que a concesionaria recolleu o requirimento.

No momento de entrada en vigor do decreto o Concello iniciará un procedemento de contratación de emerxencia cunha empresa que se encargará de realizar actuacións de recollida e transporte dos residuos existentes nos puntos da cidade con notorio risco para a salubridade e seguridade cidadá. Estes puntos foron identificados polo servicio de medio ambiente e ratificados pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Para afrontar a situación a empresa que preste o servizo extraordinario deberá de dispoñer inicialmente, de 13 vehículos cunhas características determinadas e de 32 operarios  para poder atender á limpeza nos puntos identificados. Dende que se publique o decreto darase un prazo ata ás 10.00 horas do día 24 ás empresas interesadas en prestar o servizo para presentar a súa oferta garantindo que teñen dispoñibilidade para iniciar o servizo de forma inmediata.

Unha vez seleccionada a empresa esta comezará a realizar o servizo de forma inmediata cunha duración indeterminada, ata que se considere que a situación volve a normalidade.

"Tamén quero anunciarlles que dende hoxe mesmo está constituída a Comisión de Seguimento da emerxencia, que presido eu mesma e está formada pola concelleira de Medio Ambiente, o concelleiro de Economía e a concelleira de Seguridade Cidadá para facer seguimento de forma diaria da emerxencia ao fin de ser o máis áxiles e transparentes posibles", apuntou Inés Rey, que lamentou de novo "as molestias ocasionadas a todos os veciños e confiamos que coa declaración de emerxencia podamos comezar a volver á normalidade".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión