Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de outubro de 2024

O Concello destinará 1,2 millóns de euros para a mellora de medios e a ampliación do Parque de Bombeiros

O Goberno municipal aprobou tamén a nova ordenanza de Xestión, Recadación e Inspección, que simplifica e unifica os trámites e mellora a seguridade xurídica dos contribuíntes

O Palacio Municipal de María Pita acolle este xoves a sesión ordinaria do Pleno municipal, no que se aprobou inicialmente, e por unanimidade, a Ordenanza Fiscal Reguladora das Contribucións Especiais para ampliar o servizo de extinción de incendios, que neste exercicio anual inclúe unha partida de 1.274.532 euros, con vistas a mellorar os equipamentos do equipo de profesionais do parque municipal de Bombeiros.

Tal e como explicou o voceiro do executivo municipal, José Manuel Lage, o Goberno de Inés Rey ten previsto acometer a adquisición dunha parcela lindeira ao parque municipal de Bombeiros, en Agrela, unha medida que permitirá incrementar a superficie dispoñible para posibilitar que, de cara ao futuro, o parque se adapte e amplíe en base ás necesidades que poidan xurdir. Para isto, estipúlase un orzamento de 431.000 euros, dos que 388.000 veñen derivados da partida das contribucións especiais.

A maiores, tamén se levarán a cabo investimentos para reforzar a frota marítima dos Bombeiros da Coruña. Se actualmente, o servizo conta cunha embarcación e dúas motos de auga para afrontar situacións de emerxencia coma os rescates de persoas no mar, agora está previsto incorporar unha nova moto acuática. Tamén se adquirirá unha autoescada e un vehículo lixeiro para o transporte de persoal. Todo isto suporá un investimento de 624.000 euros.

Por outra banda, destinaranse 360.591 euros á adquisición dun vehículo de descontaminación con equipamento.

Primeiro paso para a posta en marcha da nova Ordenanza Xeral de Xestión, Recadación e Inspección

Ademais, e tamén na sesión plenaria desta mañá, aprobouse inicialmente a nova Ordenanza Xeral de Xestión, Recadación e Inspección dos tributos e outros ingresos de dereito público, que, tal e como recalcou Lage Tuñas, "non supón ningún novo gravame".

A ordenanza establece coa maior claridade aspectos como os prazos dos procesos administrativos, os sistemas de pagamento habilitados e as posibilidades de fraccionamento das obrigas entre outras moitas cousas, "permitindo que todos os cidadáns poidan ter un coñecemento preciso, nunha única ordenanza, de todos os seus dereitos".

Lage apuntou que, en termos prácticos, con este novo texto "trátase de configurar un marco xurídico proporcional e simplificado e homoxeneice toda a actuación municipal en materia tributaria e que reforce a seguridade xurídica dos cidadáns contribuíndo a facer máis sinxela a súa relación con esta Administración". 

A ordenanza pasou todos os trámites previos preceptivos, incluídos o período de exposición pública e a súa publicación en boletíns oficiais e medios de comunicación para darlle a maior difusión e transparencia, e en dito proceso non se rexistrou ningunha alegación. "O obxectivo non é outro que reforzar o réxime de dereitos e garantías dos contribuíntes, aclarando termos e precisando aspectos que puideran ser interpretados de xeito ambiguo", explicou Lage.

Investimentos na Cidade das TIC

Por outra banda, no Pleno de outubro aprobouse un modificativo de crédito que permitirá, entre outros asuntos, que o Goberno municipal aporte máis de 400.000 euros en investimentos na Cidade das TIC para completar á súa urbanización, pago que se enmarca no convenio asinado no seu día coa Universidade da Coruña (UDC), segundo o cal o Concello aporta ao proxecto máis de 3 millóns de euros en total.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, expuxo que, a grandes rasgos, "a maior contía do modificativo non supón máis que un movemento de partidas dentro do mesmo concepto, pasando de gasto corrente a investimento real 778.463 euros asignados ao Plan de Sustentabilidade Turística na Coruña Sostible e Dixital", un formalismo para cumprir cos requisitos de dito plan, financiado entre tres Administracións e que permitirá aplicar melloras na xestión do turismo da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión