Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de xullo de 2024

O Concello e o Consorcio das Mariñas acordan dar continuidade ao tratamento conxunto dos residuos na planta de Nostián

Luz verde do Consorcio ao borrador dos pregos para a licitación da nova planta. O vindeiro luns, 5 de agosto, o Concello da Coruña porá en marcha os trámites administrativos

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse hoxe en María Pita coas alcaldesas, alcaldes e representantes institucionais dos concellos que integran o Consorcio das Mariñas, un encontro no que se rubricou a continuidade de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada no servizo para o tratamento conxunto dos residuos na planta de Nostián.

Na pasada xuntanza, o Goberno municipal acordara co Consorcio das Mariñas liderar unha negociación coa concesionaria, para facer viable antes do 2 de agosto a continuidade dos concellos do Consorcio das Mariñas durante o período de tempo que dure a licitación da nova planta de Nostián e ata a adxudicación definitiva. O resultado das negociacións, dado a coñecer hoxe, culmina co acordo entre Concello da Coruña e Consorcio das Mariñas para que os oito municipios asociados sigan tratando os residuos na planta coruñesa.

O Concello da Coruña como titular da planta e o Consorcio das Mariñas como cliente preferencial establecerán un novo convenio que establecerá as cláusulas que rixan o tratamento dos residuos dos concellos pertencentes ao Consorcio das Mariñas a través da concesionaria da actual planta, durante o período transitorio que vai dende o 1 de outubro ata a adxudicación definitiva da nova planta. 

Licitación da nova planta

O Concello da Coruña e o Consorcio tamén acordaron hoxe poñer en marcha a tramitación administrativa dos pregos para a licitación da nova planta de Nostián, que despois de cumprir tódolos trámites será sacada a concurso.

A alcaldía da Coruña determinou que o procedemento arrancará o vindeiro luns, día 5 de agosto, cando o Servizo de Medio Ambiente remitirá o borrador do prego de cláusulas técnicas ao Servizo de Contratación, que fará a revisión do mesmo así como a elaboración do prego de cláusulas administrativas co obxectivo de ter pechada esta parte da tramitación antes do 12 do outubro.

O paso seguinte será a súa remisión á ONE (Oficina Nacional de Evaluación) do Ministerio de Hacienda para que poida emitir o correspondente informe, que non é vinculante, pero si preceptivo para culminar a tramitación administrativa e elevar á Xunta de Goberno Local a aprobación definitiva da licitación da nova planta.

Dende outubro, traballo intenso entre Consorcio e Concello

As reunións entre o Concello da Coruña e os oito municipios asociados no Consorcio das Mariñas intensificáronse desde outubro do ano pasado, cando se incorporou ao Consorcio á mesa técnica de Nostián, para a posta en común das liñas de acción que suporán, proximamente, a licitación do novo contrato para o servizo de tratamento de residuos centralizado na planta, atendendo aos criterios de sostibilidade que estipula a normativa vixente.

Neste sentido, o Consorcio das Mariñas aprobará en pleno a súa adhesión á nova planta de Nostián e enviará as súas aportacións ao prego de cláusulas administrativas durante o proceso de revisión e elaboración do Servizo de contratación do Concello da Coruña.

Dende o Consorcio agradeceron ao Concello da Coruña a súa implicación para resolver o problema actual que supoñía uns custos elevados.

Na reunión deste mércores, Inés Rey estivo acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, e a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz. Por parte do Consorcio das Mariñas asistiron José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo e presidente do Consorcio, María Barral, alcaldesa de Betanzos, Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo, Francisco Javier Gestal, alcalde de Carral, José Ramón Riobóo, alcalde de Culleredo, Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, Benito Portela, alcalde de Sada. Por cuestións de axenda municipal, ao haber Pleno, non houbo representación do Concello de Cambre.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión