20 de setembro de 2024
A restauración da antiga estrutura industrial realizouse con criterios de sustentabilidade e reciclaxe dos materiais existentes
O Concello da Coruña rematou os traballos de recuperación do miradoiro de San Amaro. A reforma súmase a outras actuacións postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para mellorar os espazos de lecer de carácter turístico, como a renovación do Miradoiro de Bens ou a creación do Miradoiro dos Castros e do Monte de San Pedro.
A antiga estrutura industrial xa pode ser utilizada de novo pola cidadanía. A obra supuxo un investimento próximo aos 20.000 euros financiados ao 90% con fondos Next Generation, no marco da liña de axudas concedidas por Turismo de Galicia para mellorar a accesibilidade e fomentar o turismo inclusivo no litoral.
"A recuperación desta estrutura singular realizouse conforme a criterios de reciclaxe, reutilización e xeración mínima de residuos, aproveitando e restaurando ao redor do 80% das táboas de madeira tropical orixinal do pavimento", explicou a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira.
O miradoiro de San Amaro é unha estrutura de formigón que no pasado serviu como base para un guindastre que retiraba pedra da canteira que existía nesa zona e que se usou en boa parte para a construción do dique de abrigo. Anos despois de perder a súa funcionalidade orixinal retiráronse as vías existentes, colocáronse varandas con pasamáns de madeira e transformouse nunha pasarela peonil sobre o mar desde o que se pode observar a Ría da Coruña e a Enseada de San Amaro. A exposición da pasarela ás condicións climáticas do litoral deteriorara tanto o pavimento como as varandas, que foron tamén restauradas.
Unha vez instalado, procedeuse á súa limpeza e aplicación dun tratamento especial para o aspecto e protección da madeira. Ademais colocarase un cartel divulgativo con información histórica da antiga canteira.
21 de decembro de 2024
17 de decembro de 2024
12 de decembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible