Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de abril de 2025

O dispositivo arrincará ás 19.00 horas, con saídas cada vinte minutos desde a parada da Facultade de Informática da Universidade da Coruña

O Concello habilitará este domingo 6 un servizo especial de autobuses entre o campus de Elviña e a praza de Pontevedra polo partido do Deportivo - Cádiz

O obxectivo é facilitar os desprazamentos de ida e volta antes e despois do encontro no estadio municipal de Riazor, promovendo o uso do transporte público en lugar dos vehículos particulares

Este domingo, 6 de abril, o Concello habilitará un servizo especial de autobuses lanzadeira entre o campus universitario de Elviña e a praza de Pontevedra, unha medida coa que se busca facilitar os desprazamentos das e dos afeccionados que asistirán ao partido de fútbol entre o Real Club Deportivo e o Cádiz, que terá lugar ás 21.00 horas no estadio municipal de Riazor.

O dispositivo de autobuses lanzadeira arrincará dúas horas antes do encontro, ás 19.00 horas, con saídas desde a Facultade de Informática da Universidade da Coruña, punto de partida dun percorrido que tamén fará paradas ante o edificio sindical de Someso, a avenida da Universidade e na contorna do aparcadoiro disuasorio de Lonzas. A continuación, enfilarán Salgado Torres rumbo á praza de Pontevedra. Haberá frecuencias cada vinte minutos.

Xa tras o partido, activarase o servizo de volta, con saídas desde as 23.15 horas no cruzamento entre a praza de Pontevedra e a rúa Rubine. As paradas serán as mesmas que nas viaxes da ida, só que en sentido inverso, con final de liña na Facultade de Informática da UDC.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que, con esta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca promover o uso do transporte público en troques do vehículo particular no contexto dos grandes eventos que acolla a cidade. "Os partidos de fútbol en Riazor atraen a milleiros de persoas. Non só da cidade, senón tamén procedentes da área metropolitana e moitos outros concellos de Galicia. O que buscamos é reforzar e mellorar o plan de mobilidade e tráfico en contextos como este, apostando polo transporte público compartido e contribuíndo a desconxestionar as rúas máis próximas ao estadio en citas como esta, que habitualmente danse cada dúas semanas durante a tempada de competición", razoou.

A este respecto, Díaz explicou que, coa saída dos autobuses desde a contorna do campus, "é máis fácil concentrar o estacionamento de vehículos na contorna de ExpoCoruña e o Coliseum, nos accesos á Coruña, e evitar embudos de tráfico no interior da cidade".

Ademais, tamén se ampliará ata 23.15 horas o horario de volta nas liñas 20, 21 e 22, que chegan a puntos da cidade como a Ponte Pasaxe ou Novo Mesoiro.

A concelleira agregou que o dispositivo deste domingo tamén servirá para recoller e contrastar datos de utilidade no contexto do plan de elaboración do Estudo do Transporte Urbano da Coruña, que permitirá definir o futuro do servizo municipal.

Tarifas bonificadas para as persoas usuarias da tarxeta Millennium física e a APP Coruña

Como xa é habitual, as persoas usuarias do servizo de transporte urbano da Coruña poderán aboar o custo dos billetes por medio da APP Coruña (co método de pago con QR) ou coa tarxeta Millennium en formato físico. En ambos os casos, con tarifas bonificadas: a xeral, 0,38 euros; a universitaria, de 0,15 euros; e a social, de 0,12 euros.

Tamén se poderá aboar o custo dos billetes en efectivo, sendo a tarifa de 1,30 euros.

Documentos:

DESCARGA AQUÍ a infografía co servizo especial de transporte urbano o domingo 6 de abril (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión