4 de xullo de 2024
O pleno aprobou a modificación do anexo de investimentos incluído nos Orzamentos 2024, o que posibilitará a contratación das obras necesarias para remodelar esta superficie privada no Castrillón, carente de uso
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión ordinaria do pleno municipal, que aprobou a modificación do anexo de investimentos previsto este ano co obxectivo de licitar proximamente as obras de urbanización do soar existente entre as rúas Cerca e Antonio Ríos, no barrio do Castrillón.
O proxecto para a remodelación deste enclave, aprobado definitivamente en Xunta de Goberno Local a finais de 2022, estima tanto a posibilidade de edificar no polígono -concretamente, en tres parcelas situadas ao oeste da superficie que ocupa o soar- como a creación de novos espazos públicos no sector leste do mesmo, onde está previsto crear unha nova praza rodeada de áreas axardinadas e arboredo, con áreas de lecer para a veciñanza.
Neste sentido, o Concello ten previsto levar a cabo un investimento de case 250.000 euros para acometer esta intervención. O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, apuntou hoxe que "esta cantidade financiarase con cargo ás cotas de urbanización que lles corresponden aos propietarios das parcelas", e, a maiores, "o Concello asume a urbanización das beirarrúas perimetrais, necesarias para completar as obras en condicións".
Lage indicou que a intención é "poder licitar de xeito inmediato a urbanización do polígono", e lembrou que esta superficie, de carácter privado, "é a día de hoxe un espazo deteriorado onde só hai maleza, polo que precisa dunha actuación urxente para a súa dignificación". O voceiro do Goberno municipal incidiu en que a situación deste soar "non é un problema novo" e que, "tras máis dunha década de desleixo, o Goberno de Inés Rey toma medidas para resolvelo, co obxectivo de entregarlle ás veciñas e veciños un novo espazo público de calidade".
Unhas novas escaleiras para conectar as rúas Cerca e Antonio Ríos
A urbanización do soar entre as rúas Cerca e Antonio Ríos suporá a transformación integral dunha superficie que, pola súa pendente e a propia configuración urbanística do barrio do Castrillón, implicará melloras en termos de accesibilidade.
Entre as medidas previstas está a construción dun percorrido de escaleiras entre as parcelas edificables e a nova praza. Ademais, o plan de urbanización da localización tamén inclúe a creación dun novo treito de beirarrúa arredor do soar, que permitirá conectar os percorridos peonís xa existentes nas rúas Cerca e Antonio Ríos, salvando así os obstáculos actuais.
Cómpre lembrar, ademais, que a remodelación do soar permitirá ampliar o espazo de estacionamento en liña que xa hai na rúa da Cerca e no sector de Antonio Ríos lindeiro ás parcelas afectadas.
Melloras na seguridade viaria da contorna
As obras de urbanización deste ámbito contemplan, ademais, o aproveitamento dun pequeno espazo público que hai no cruzamento entre Antonio Ríos e a Cerca, que permitirá crear un novo percorrido peonil entre a nova praza que se creará no soar e unha pequena área de lecer
Entre ambas as dúas prazas habilitarase un novo paso peonil, que contribuirá a pacificar o tráfico no carril de circulación que baixa desde a rúa Cerca en dirección a Antonio Ríos.
Luz verde a un modificativo de crédito de 7,2 millóns
Noutra orde de asuntos, no pleno de hoxe aprobouse definitivamente un modificativo de crédito por valor de 7,2 millóns para facer fronte a investimentos e servizos prestados.
A maior parte desta partida -concretamente, 5,2 millóns- será afrontada con cargo ao remanente líquido da tesourería para gastos xerais. O importe restante acometerase mediante baixas de crédito dos actuais orzamentos, atendendo, por exemplo, a partidas orzamentarias nas que xa se prevé un aforro para o Concello.
O pleno da Coruña apoia a declaración institucional polo Día do Orgullo
No pleno deste xoves, as concelleiras e concelleiros gardaron 12 minutos consecutivos de silencio como mostra de condena e rexeitamento polas vítimas de violencia machista contabilizadas polas autoridades nestes últimos meses.
Foi a antesala da lectura institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI+, que exerceu a alcaldesa, Inés Rey, en representación de todas e todos os concelleiros da Corporación municipal, sumándose á iniciativa promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). "É necesario seguir traballando cara a un futuro onde todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, sexo ou expresión da identidade, podan vivir con dignidade, respecto e liberdade", indicou a rexedora na lectura do texto.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible