2 de setembro de 2024
A Xunta de Goberno Local aprobará este mércores a adxudicación do contrato á empresa Iluminaciones Ximénez, que será a encargada de acometer a instalación e mantemento dos cadros de luces nas datas de festexos
O Concello da Coruña ten previsto aprobar este mércores, na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, a adxudicación do contrato de instalación e mantemento da iluminación ornamental de Nadal e Entroido, da que se encargará a empresa Iluminaciones Ximénez ata o vindeiro ano 2027.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, destacou o investimento que acometerá o Concello "para que as luces de Nadal cheguen a máis rúas nos barrios da Coruña, reforzando a súa distribución entre todos os distritos, tal e como estableceu a alcaldesa, Inés Rey".
Neste sentido, se anteriormente se destinaba medio millón de euros por exercicio á iluminación de Nadal, o novo contrato estipula unha partida de 800.000 euros. O contrato que se adxudicará o mércores a Ximénez é de 2,4 millóns ata inicios de 2027, incluíndo o que resta deste ano. Cómpre destacar, ademais, que o vínculo será susceptible de ampliación por outros dous anos máis.
Ximénez, unha empresa cunha ampla bagaxe e percorrido no sector da iluminación festiva, foi a única empresa que se presentou ao proceso de licitación, ofertando un desconto único sobre o prezo total de unidades a instalar e tamén unha serie de equipamentos telexestionados.
Lage subliñou, a este respecto, "o compromiso do Goberno de Inés Rey para que o Nadal sexa aínda máis visible nos barrios", e lembrou que xa nas pasadas festas instaláronse máis de tres millóns de luces led nos diversos distritos da Coruña, que se repartiron entre 222 rúas e chegaron, por exemplo, a barrios novos como Xuxán, onde remataron recentemente as obras de urbanización dos espazos públicos e seguen, en paralelo, os proxectos para o desenvolvemento residencial das parcelas edificables.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible