16 de xaneiro de 2017
A concelleira de Medio Ambiente, María García sinala que as actuacións, nas que o Goberno local investirá 67.820 euros e que se enmarcan no plan ‘Vertido Cero’, permitirán trasladar as augas residuais do edificio administrativo da Xunta e das vivendas próximas en Monelos
O Concello acometerá desde este xoves a primeira fase das obras de execución do bombeo de saneamento de augas fecais da rúa Brasil e a súa conexión coa rede de saneamento, dentro do plan municipal de 'Vertido Cero'. Trátase, como pon de relevo a concelleira de Medio Ambiente, María García, "dun dos puntos de vertedura de maior carga contaminante detectados na cidade" dentro desta acción municipal, dirixida a e eliminar as fontes de emisións non controladas a ríos ou ao propio mar. Os traballos de obra civil, que teñen un prazo de execución de mes e medio na súa primeira fase e nos que se invisten 67.820 euros, permitirán canalizar á EDAR de Bens para o seu tratamento todas as augas residuais do edificio administrativo de Monelos (Novos Ministerios), así como aquelas procedentes da mazá de vivendas entre as rúas Brasil, Caballeros e Pérez Ardá --o que supón o equivalente das augas residuais de máis de 1.500 habitantes--, que ata este momento verten directamente ao río de Monelos. "Esta actuación pon fin, de xeito inminente, ás verteduras directas ao Monelos e, por tanto, á ría do Burgo, rematando desde modo co 70% das verteduras contaminantes detectadas ao inicio desta lexislatura, das que moitas levaban anos descontroladas", expón a edil.
O sistema a executar permitirá asumir e trasladar as augas fecais e pluviais do edificio administrativo da Xunta, que carece de canalizacións pluviais diferenciadas. "Esta carencia", explica a responsable municipal, "obriga a un bombeo máis caro e de maior dimensión, e que ademais traslada á EDAR auga de chuvia para o seu tratamento, o que é innecesario", polo que chama á Xunta "a realizar a separación nas súas instalacións, tal e como xa se lle requiriu desde o Concello, para evitar custos innecesarios, tanto de bombeo como de saneamento.
A responsable municipal de Medio Ambiente explica que o próximo paso será proceder a executar a obra para eliminar as verteduras do segundo grande punto detectado polo Concello, o do Campus de Elviña-San Vicente de Elviña, intervención que o Goberno municipal "espera poder executar de forma inminente", en cando reciba o permiso de Adif --polo paso da vía do tren--. "A obra está licitada, pero levamos desde outubro agardando por esta confirmación para poder iniciar as actuacións, xa que a conexión farase preto das vías", sinala García.
"Para este Goberno, a resolución dos puntos de vertedura, para acadar o obxectivo do 'Vertido Cero', é unha prioridade na que se leva meses traballando e que agora se atopa nunha fase moi avanzada", explica a edil. "Unha vez se solucionen os puntos máis contaminantes e de maior envergadura, realizarase un novo plan de inspección de verteduras para traballar na detección de forma máis exhaustiva de calquera forma de vertedura directa ou indirecta á ría do Burgo", asevera a titular da área de Medio Ambiente.
13 de marzo de 2025
8 de marzo de 2025
7 de marzo de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible