Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

31 de marzo de 2025

O Concello lanza a edición primavera-verán 2025 de Nocturnia con 98 actividades de lecer para a mocidade

O programa municipal de ocio nocturno saudable ofrecerá 1.251 prazas gratuítas para mozos e mozas de 12 a 30 anos durante os meses de abril e agosto

Nocturnia, o programa de lecer saudable para a mocidade, contará na súa edición primavera-verán un total de 98 actividades. Esta iniciativa municipal conta co financiamento do Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional sobre Drogas. A nova tempada arranca o vindeiro 1 de abril e prolongarase ata agosto, ofrecendo un total de 1.251 prazas destinadas a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. Todas as propostas serán de balde e desenvolveranse en horario nocturno durante as fins de semana, co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer saudable á mocidade coruñesa.

Esta edición presenta obradoiros tan orixinais como un de danza tahitiana, outro de moda sostible con materiais reciclados do mar ou un de xoiería creativa comestible, que se engaden ás xa tradicionais propostas creativas do programa. Ademais, reforzouse a oferta de actividades ao aire libre e de contacto coa natureza, con rutas ambientais para descubrir espazos de interese en Galicia (como o miradoiro da Terra Chá, Estaca de Bares ou a Costa de Nariga) e mesmo unha xornada de aventura con espeleoloxía e descenso en tirolina na Pontenova. Xunto a estas novidades, Nocturnia 2025 mantén un amplo abano de alternativas xa consolidadas no programa, dende propostas deportivas (iniciación ao surf, skate ou escalada) ata obradoiros artísticos e mesmo tecnolóxicos. Non faltarán obradoiros de fotografía, música -do ukelele ao canto-, clown ou cabaré; así como roteiros histórico-culturais dramatizados pola cidade e ata xogos de rol e de misterio, garantindo opcións para todos os gustos entre a mocidade participante.

"Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por facilitar alternativas de lecer nocturno saudable e diverso para a mocidade coruñesa", afirmou a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa. "Nocturnia 2025 amplía e diversifica as propostas de lecer para que ningún mozo ou moza quede sen unha alternativa enriquecedora nas tardes e noites de fin de semana", engadiu, salientando o compromiso do Concello coa xuventude.

Para participar nas actividades, as persoas interesadas deben inscribirse cada semana a través da páxina web municipal do programa www.coruna.gal/nocturnia. Cada luns ás 16.00 horas ábrese o prazo de inscrición para as actividades desa fin de semana, que permanece aberto ata o xoves ás 12.00 horas ou ata esgotar as prazas dispoñibles. A inscrición é totalmente gratuíta e formalízase en liña, sendo obrigatorio dispor do DNI no momento de acceder á actividade correspondente.

Finalmente, o Concello da Coruña puxo en valor a consolidación de Nocturnia como unha iniciativa estratéxica de apoio á mocidade. O Goberno de Inés Rey reafirma así o seu compromiso continuado coa xuventude e coa promoción de hábitos de vida saudables.

Documentos:

Programación de Nocturnia 2025 Primavera - Verán (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible