15 de novembro de 2023
A actuación, que forma parte da instauración da Zona de Baixas Emisións, está cofinanciada ao 90% por fondos europeos
O Concello da Coruña acaba de iniciar o proceso de contratación dunha subministración de tres pantallas tipo led exteriores nas que informar da calidade ambiental e do tráfico na cidade en tempo real. Esta iniciativa forma parte das actuacións complementarias da instauración da Zona de Baixas Emisións na cidade e conta con financiamento nun 90% con fondos europeos Next Generation do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
As tres pantallas led, unha vez resolto o proceso de contratación, instalaranse no prazo de seis meses e serán de gran formato e rectangulares (verticais ou horizontais), dun tamaño mínimo de 5 metros cadrados. Nelas proxectarase información sobre a calidade ambiental e de tráfico, así como todo tipo de avisos e alertas ambientais á cidadanía procedentes das ferramentas de avaliación ambiental e dirixidas á Zona de Baixas Emisións (ZBE).
As pantallas tamén poderán reproducir todo tipo de contidos como vídeos, imaxes, retransmisións en directo e outro tipo de fontes externas programables mediante software remoto. Os tres equipos contarán con conexión permanente a Internet e estarán vinculados aos sistemas cos que conta o Concello para lle ofrecer información de utilidade á cidadanía.
Esta actuación conta cun orzamento de 106.672 euros, financiados nun 90% por fondos europeos. "Con esta actuación e o resto das levadas a cabo ata o de agora polo Goberno de Inés Rey coa instauración da ZBE pretendemos mellorar as técnicas de avaliación da calidade ambiental da cidade, mais tamén ofrecerlle información útil á cidadanía tanto sobre medio ambiente como sobre tráfico na busca dunha mellora na mobilidade", sinala o concelleira de Innovación, Infraestruturas e Mobilidade, Nereida Canosa.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible