Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de setembro de 2024

O Concello organizará en outubro unha actividade e visita guiada polas xoias arquitectónicas do século XVIII da cidade

A través desta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca contribuír á divulgación patrimonial e histórica da cidade, achegando a veciñanza á evolución das construcións residenciais do século XVIII máis emblemáticas da Coruña

O Concello abrirá a inicios de outubro o prazo de inscrición para participar na actividade 'A Coruña das mansións do século XVIII', unha iniciativa impulsada desde a Rede de Bibliotecas Municipais na que, da man do catedrático Alfredo Vigo Trasancos, do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, a cidadanía poderá achegarse ás construcións residenciais do século XVIII máis emblemáticas da cidade.

A actividade levarase a cabo en tres sesións diferenciadas, os días 9, 16 e 23 de outubro. Na primeira delas (día 9, 18.00 horas), Vigo Trasancos entregaralles ás persoas participantes un dosier informativo e tamén levará a cabo unha conferencia na que se abordará polo miúdo a historia e evolución da casa de Zuazo Mondragón -o antigo palacio do Marqués de Almeiras-, a Casa Cornide, a Casa Paredes, a antiga alfándega -sede actual da Subdelegación do Goberno-, a casa de José Ramos e a sede da Capitanía Marítima.

Xa o día 16 de outubro (18.00 horas), haberá unha sesión expositiva de continuidade, na que se convidará as persoas asistentes a intervir para expor as súas dúbidas e observacións.

Será o mércores 23 de outubro (18.00 horas) cando terá lugar a terceira e última sesión, cunha visita guiada polos seis edificios que son obxecto de estudo e análise nesta quenda, situados en barrios como a Cidade Vella e a Pescaría.

Este iniciativa forma parte do programa municipal 'Ando na Coruña', co que o Goberno de Inés Rey busca contribuír á divulgación patrimonial e histórica da cidade, atendendo neste caso ás etapas nas que os barrios experimentaron cambios de imaxe en termos urbanísticos e de arquitectura.

A inscrición, a partir do día 2 de outubro

Para asistir ás dúas sesións e á visita guiada será preciso formalizar a inscrición previa na web do Concello. O formulario habilitarase o día 2 de outubro.

Ofértanse un total de 20 prazas para participar no programa, de balde. Máis información, na Biblioteca de Estudos Locais e no número de teléfono 981 184 386.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión