Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de marzo de 2022

O consistorio aproba a nova ordenanza para a rehabilitación de edificios que permitirá á cidadanía axilizar e simplificar trámites

O Concello outorga os títulos de fillos adoptivos e predilectos da Coruña aos heroes do Orzán, a Ibrahima Diack e a Magatte Ndiaye

O pleno amosa o seu apoio ao pobo ucraíno coa lectura dunha declaración institucional que condena a invasión rusa. A corporación defende a través doutra declaración institucional a igualdade real entre homes e mulleres con motivo do 8M

O pleno ordinario do Concello da Coruña do mes de marzo aprobou por unanimidade o outorgamento dos títulos de fillos predilectos e adoptivos aos heroes do Orzán e a Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye. Todos os grupos municipais votaron a favor desta medida, que busca o recoñecemento colectivo da cidade a estas cinco persoas polos seus actos heroicos.

A Coruña concede estas distincións polas súas accións de xenerosidade cara aos seus semellantes. No caso de Javier López López, Rodrigo Maseda Lozano e José Antonio Villamor Vázquez, coñecidos popularmente como os heroes do Orzán, trátase dos tres membros da Policía Nacional que perderon a vida hai 10 anos cando entraron no mar nunha madrugada de temporal para tentar de salvar a un estudante Erasmus. A súa lembranza figura desde entón na memoria da cidadanía como exemplo de entrega absoluta.

A alcaldesa Inés Rey propuxo o pasado 27 de xaneiro, día no que se homenaxeou aos heroes do Orzán no se monumento da Coiraza polos 10 anos do tráxico suceso, a distinción de fillo predilecto a Javier López, natural da Coruña, e de fillos adoptivos a Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor. "Un recoñecemento que temos a obriga de facer. A eles, por heroes, por exemplares, por valentes, por comprometidos, por solidarios. Pero tamén ás súas familias, nais, esposas, amigos, compañeiros e por suposto para que na historia poidamos trasladar ás xeracións vindeiras a calidade humana dun sacrificio a recordar, destacar e de novo non deixar de agradecer", sinalou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego.

Por outra banda, o pleno tamén debateu o outorgamento do título de fillos adoptivos a Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye, os dous cidadáns de orixe senegalesa que residen na cidade e que o 2 de xullo de 2021 tentaron axudar a Samuel Luiz, de 24 anos, tras ser agredido por un grupo de persoas, nun acto covarde que acabou coa súa vida. Pese á súa situación de residencia irregular, estas dúas persoas quixeron axudar nunha situación complexa e dramática, polo que son consideradas polo Concello como un exemplo de solidariedade.

"Eles mesmos comentaron que foi a súa propia educación a que os obrigou de forma instintiva a non ter outra actitude diferente que prestar axuda a aquel rapaz, aínda que finalmente resultou en vano. Xestos como eses son os que esta cidade agradece", sinalou o concelleiro Juan Ignacio Borrego. O pleno aprobou por unanimidade o outorgamento destas distincións.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, leu unha declaración institucional de condena á agresión rusa a Ucraína e o seu pobo. "Condenamos enérxica e rotundamente os ataques perpetrados en diversas cidades ucraínas, ademais do despregamento militar desencadeado polo goberno ruso e todas as consecuencias derivadas do dito despregamento", apunta dita declaración, na que o Concello se pon a disposición do Goberno con todos os seus medios e esixe o cesamento das hostilidades.

Declaración polo 8M

Ademais, o pleno tamén incluíu unha declaración institucional polo Día Internacional das Mulleres. O texto foi lido pola alcaldesa, Inés Rey, quen esixiu a consecución da igualdade real para as mulleres. "Debemos impulsar políticas que melloren a prevención e intervención en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero a través dun maior consenso e compromiso institucional e social", apunta o texto. Como é habitual, o pleno comezou cunha lembranza ás mulleres falecidas desde a sesión anterior. Neste caso, gardáronse catro minutos de silencio polas catro mulleres asasinadas nas últimas datas a mans da súas parellas.

Ordenanza de rehabilitación de vivendas

Por outra banda, o pleno tamén procedeu á aprobación definitiva da ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles. Grazas a esta nova normativa, o Concello completa a regulación dos mecanismos que permitirán fomentar a rehabilitación e a conservación de vivendas.

A ordenanza, aprobada hoxe por ampla maioría, ten como obxectivos principais axilizar a tramitación dos procedementos, precisar toda a documentación requirida e incorporar procesos de administración electrónica pendentes. Tamén é importante a separación que establece esta normativa entre os asuntos que son competencia municipal dos que deben proceder pola vía xurisdicional civil. A normativa tamén permitirá adaptar os supostos legais de ruína á normativa en vigor, simplificar e regular os supostos de execución subsidiaria por razóns de urxencia e precisar e desenvolver todas as cuestións que esixe a normativa autonómica. "O Goberno municipal de Inés Rey aposta pola rehabilitación do seu parque de vivendas. É algo que se reflicte nas estatísticas, pois o dato do 2020 do IGE, o último publicado, é o segundo mellor da serie histórica con 88 licenzas concedidas", apuntou o voceiro municipal, José Manuel Lage.

Nomes de rúas

Ademais, no pleno aprobouse tamén a denominación de dúas rúas da cidade na honra de dúas destacadas mulleres: Irene González Basanta e Antonia Ferrín Moreiras. A primeira, tamén chamada Irene 'A porteira' supón un exemplo de dignificación do papel da muller nun contexto complexo, pois destacou na práctica do fútbol e chegou a ter un papel moi relevante e popular na cidade a comezos do século XX, fundando o seu propio club, no que foi xogadora e capitá. Por outra banda, Antonia Ferrín Moreiras foi a primeira muller española doutora en astronomía e un exemplo para moitas mulleres científicas. A proposta de que teña un espazo co seu nome na cidade parte da Asociación Astronómica Ío.

Por último, o pleno aprobou a denominación dunha rúa co nome tradicional de San Roque de Fóra nun tramo de vía que lembre o lugar no que se atopa este núcleo tradicional, actualmente parte do Paseo da Rolda. Trátase dunha demanda espontánea da veciñanza durante a inauguración da restauración do hórreo presente na zona, explicou Juan Ignacio Borrego.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión