Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de outubro de 2024

O Concello pon en marcha a nova fase da reurbanización integral do grupo de vivendas de María Pita, en Labañou

Levarase a cabo un investimento de algo máis de 812.000 euros para executar a segunda fase de remodelación na ARI de Labañou, que inclúe medidas para gañar espazos peonís, áreas verdes e espazos de lecer

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa deu conta esta mañá dos asuntos aprobados da Xunta de Goberno Local, que deu luz verde ao proxecto correspondente á segunda fase de reurbanización do grupo de vivendas de María Pita, no barrio de Labañou.

A remodelación deste enclave, considerada como Área de Rehabilitación Integral (ARI), está dividida en cinco fases. Canosa lembrou que a primeira delas xa se completou a inicios deste ano, cos traballos executados no espazo interior delimitado pola avenida de Labañou, un treito da rolda de Outeiro e o bloque de vivendas ao que se accede desde a rúa Tomás Fábregas.

Agora, o Concello avanza cara a consecución da segunda fase, que contempla un amplo abano de melloras na rúa Tomás Fábregas en toda a súa extensión, así como nos seus cruzamentos coa avenida de Labañou e a rolda de Outeiro. "Ao igual que pasa no resto do ámbito, os espazos públicos precisan máis arboredo e áreas verdes, máis espazos de lecer e percorridos peonís máis accesibles. Tamén de medidas que faciliten o acceso ás vivendas sen obstáculos. Isto é o que se fará, dentro do posible e atendendo tamén as demandas veciñais, cunha escoita activa ás súas necesidades e suxerencias", apuntou a concelleira na rolda de prensa posterior á sesión.

Plataforma única no sector onde está habilitada a circulación rodada

Entre as medidas previstas polo Concello na rúa Tomás Fábregas está a creación dunha plataforma única, con pavimentos diferenciados para distinguir a calzada e os espazos peonís, cun carril de tres metros de ancho para o paso do tráfico rodado, que poderá circular a un máximo de 20 quilómetros por hora no interior da urbanización. "Apostamos pola convivencia en termos de mobilidade, mais a prioridade, sendo como é un espazo residencial, é para o peón, e calmar o tráfico é fundamental en termos de seguridade viaria para as nosas veciñas e veciños", recalcou Nereida Canosa.

Ademais, o Concello prevé actuar para mellorar o acceso a algúns bloques de vivendas da rúa Tomás Fábregas. Unha das posibilidades que se contemplan é habilitar miniramplas que axuden a salvar a pendente existente nalgúns tramos da rúa. Tamén se avaliarán as especificidades de cada edificio para facilitar, a futuro, a instalación de ascensores.

Máis áreas verdes e espazos de lecer para a veciñanza

O Concello tamén prevé axardinar e plantar árbores en diversas partes de Tomás Fábregas, onde os últimos estudos municipais revelan que este aspecto é, a día de hoxe, moi mellorable. "O obxectivo do Goberno de Inés Rey é osixenar a paisaxe urbana e iso pasa por acometer medidas coma esta, aproveitando os espazos públicos dispoñibles nas rúas", indicou Canosa.

En paralelo, tamén se prevé aproveitar as sendas peonís do sector norte de Tomás Fábregas para gañar áreas verdes e crear varias zonas de lecer para a veciñanza. Unha delas, mediante a demolición do antigo depósito de augas que hai na rúa, coa previsión de habilitar alí unha nova bancada para as veciñas e veciños

Soterramento das instalacións eléctricas e de telecomunicacións

A maiores, o proxecto contempla o soterramento das instalacións eléctricas e de telecomunicacións que, a día de hoxe, aínda circulan polas fachadas, na maior parte de casos.

"A isto sumaremos a renovación integral da rede municipal de saneamento en Tomás Fábregas, adaptándoa aos estándares de seguridade vixentes e facéndoa máis eficiente en termos de recollida e separación de augas. Tamén melloraremos a rede de iluminación, coa substitución das antigas lámpadas e a instalación de novos báculos con tecnoloxía led", agregou Canosa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión